Cúpula de Santa María del Fiore
Cúpula da catedral de Florencia / From Wikipedia, the free encyclopedia
A cúpula de Santa María do Fiore ou cúpula de Santa María da Flor, tamén coñecida como cúpula de Brunelleschi ou cúpula do Duomo de Florencia, constitúe a cuberta do cruceiro da catedral de Santa María del Fiore de Florencia. Foi a cúpula máis grande do mundo trala caída do Imperio romano[1] e considérase aínda a maior xamais realizada en albanelaría.[2] Foi ideada, proxectada e construída por Filippo Brunelleschi, quen iniciou con esta obra o Renacemento italiano e florentino en arquitectura.[3] Está considerada como a construción máis importante edificada en Europa desde a época romana, debido á relevancia fundamental que desempeñou para o desenvolvemento posterior da arquitectura e da concepción moderna da construción.[4][5]
Cúpula de Santa María del Fiore Cupola del Brunelleschi Cupola del Duomo Il Cupolone | |
---|---|
Vista xeral da cúpula de Santa María del Fiore | |
Datos xerais | |
País | Italia |
Rexión | Toscana |
Tipo | Catedral |
Advocación | Virxe María |
Localización | Florencia, Italia |
Coordenadas | 43°46′22″N 11°15′21″L |
Catalogación | Patrimonio da Humanidade (1982, en conxunto co «Centro histórico de Florencia») |
Culto | |
Culto | Igrexa católica |
Diocese | Arquidiocese de Florencia |
Arquitectura | |
Construción | 1420-1434 (cúpula) 1446-1461 (lanterna) 1512-1515 (tambor exterior) 1572-1579 (frescos) |
Arquitectos | Cúpula:Filippo Brunelleschi e Lorenzo Ghiberti Lanterna: Michelozzo di Bartolomeo e Andrea Verrocchio Tambor: Baccio d'Agnolo, Simone del Pollaiolo e Giuliano da Sangallo |
Estilo | Gótico - Renacemento |
Medidas | Alto: 116.50 metros (máxima) 105.50 metros (exterior) 100 metros (interior) largo: 54.80 metros (diámetro exterior) 45.50 metros (diámetro interior) |
Páxina web | www |
[ editar datos en Wikidata ] |
A cúpula ten unha forma apuntada e está formada por oito caras ou panos apuntados, cubertos con tella de barro vermello e bordeados por oito nervios de pedra branca. Toda a estrutura descansa sobre un tambor tamén octogonal, perforado por oito óculos para a iluminación do interior. Os nervios converxen nun anel octogonal superior, coroado por unha lanterna, elemento que tamén colabora na entrada de luz. O interior está constituído por dous casquetes ou domos, un interior e outro exterior, construídos con ladrillo disposto en forma de espiña de peixe. Están conectados entre si por medio dunha retícula interior formada por costelas e nervaduras, que sostén a cúpula e colabora na súa estabilidade. O oco que queda entre ambos os casquetes forma un espazo polo que se ascende ata a lanterna.[6] O exterior do tambor está revestido con mármores polícromos e cunha balaustrada incompleta que só se construíu nunha das súas caras. A cara interna da cúpula está decorada con pinturas ao fresco e a temple que representan o Xuízo Final.[7]
As proporcións do conxunto son monumentais. A altura máxima da cúpula é de 116,50 metros, o diámetro máximo do casquete interior é de 45,5 metros e o do exterior, de 54,8 metros.[8] A base das impostas atópase a 55 metros do chan. O tambor, de 13 metros de altura e 43 de anchura, sitúase a 54 metros do chan.[9] O casquete interior ten un espesor na súa base de 2,20 metros, que diminúe ata os 2 metros no cume, mentres que o casquete exterior ten un espesor que pasa dun metro a 0,40 metros. O anel superior de peche da cúpula atópase a 86,70 metros do chan.[6] A lanterna ten 6 metros de diámetro e 22 de altura.[8] Os panos trapezoidais miden 17,50 metros de lonxitude e teñen unha altura de 32,65 metros.[6] O peso estimado total da cúpula é de máis de 30.000 toneladas[10] (aínda que noutras fontes danse cifras moi superiores: en torno ás 37.000)[8] e calcúlase que se necesitaron para a súa construción máis de 4 millóns de ladrillos[11] polo que segue a ostentar o récord da cúpula máis grande do mundo realizada en ladrillo.[8]
As súas enormes dimensións fixeron inviable o emprego dos métodos construtivos tradicionais mediante cimbras, o cal favoreceu a especulación de diversas teorías sobre a técnica construtiva empregada. Brunelleschi non deixou rexistro de ningún debuxo, maqueta ou esbozo que indicase o procedemento utilizado na edificación da cúpula[12]
O arquitecto e humanista Leon Battista Alberti afirmou, referíndose á cúpula:
Chi mai sì duro o sì invido non lodasse Pippo architetto vedendo qui struttura sì grande, erta sopra e' cieli, ampla da coprire con sua ombra tutti e' popoli toscani, fatta sanza alcuno aiuto di travamenti o di copia di legname, quale artificio certo, se io ben iudico, come a questi tempi era incredibile potersi, così forse appresso gli antichi fu non saputo né conosciuto?[13]Moi duro e envexoso sería quen non eloxiase a Pippo o arquitecto, vendo esta estrutura tan grande, erguida sobre os ceos, tan ampla que cobre coa súa sombra todos os pobos toscanos, feita sen ningún auxilio de armazones ou profusión de madeira: artificio que, eu xulgo, nestes tempos era incrible, e quizais tampouco era sabido nin coñecido na antigüidade.Leon Battista Alberti, De pictura[14]
As obras de construción da cúpula duraron 16 anos, desde 1420 até 1436.[15][16] Aínda que a cúpula non se rematou ata o 31 de agosto coa cerimonia da colocación da última pedra,[17] a celebración oficial foi o 25 de marzo de 1436, día da festa da Anunciación, primeiro día do ano do calendario florentino. Esta durou 5 horas, e houbo que construír, entre os apartamentos papais do mosteiro de Santa María Novella e a porta da catedral, unha pasarela de madeira cuberta por un baldaquino púrpura decorado con bandeiras e grilandas. Á hora sinalada para a solemne bendición, apareceu o papa Uxío IV, vestido de branco e comezou unha lenta procesión pola alfombra estendida pola pasarela, seguido por sete cardeais, trinta e sete bispos e arcebispos e polas autoridades da cidade, encabezadas polo Gonfaloniero e o Prior.[18] Tamén se conmemorou coa primeira estrea do motete isorítmico de Guillaume Dufai Nuper rosarum flores, con referencias ao escudo de Florencia e a dedicación da basílica a Santa María da Flor.[19]
Unha vez rematada a construción da cúpula, convocouse outro concurso público para a lanterna, gañado de novo por Brunelleschi,[20] e que comezou as obras en 1446,[21] poucos meses antes de morrer,[19] polo que os traballos houberon ser retomados baixo a dirección do seu amigo e discípulo Michelozzo di Bartolomeo, rematándose totalmente o 23 de abril de 1461.[20] O revestimento exterior do tambor executouse entre 1512 e 1515,[22] e a decoración pictórica do interior da cúpula prolongouse desde 1572 até 1579.[23]
A lanterna sufriu diversos contratempos ao longo da historia por mor dos raios. Os máis importantes rexistráronse en 1492 e en 1601, no que se produciu o derrubamento da da cruz e da bóla realizada por Verrocchio, que danou gravemente a lanterna e que foron restaurados en 1602.[24] A estrutura tamén sufriu diversos terremotos, sendo os máis salientables os que se produciron en 1453, 1542 e 1695.[20]
En 1639, rexistráronse diversas fendas na cúpula que discorrían verticalmente dende o alto dos soportais dos paneis cegos, pasando polos óculos ata chegar á lanterna. Posteriormente, puidose observar que estas fendas experimentaban ciclos de dilatación e contracción estacionais alternativos en función da temperatura.[25] En 1757, o xesuíta e matemático Leonardo Ximenes xa sinalaba a existencia de varias fendas angulares na cara interna das oito arestas que se cruzaban dos paneis, situadas no terceiro cúpula.[26] Estas fisuras desenvolvéronse lentamente ao longo dos séculos,[27] razón pola que se levaron a cabo, dende os anos 80 do século pasado, diversas investigacións e estudos para realiza-lo seguimento e control do comportamento estrutural da cúpula.[28]
En 1982, o centro histórico de Florencia, incluíndo a catedral de Santa María do Fiore e a súa cúpula, foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.[29]