Centro xerminal
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os centros xerminais son partes dos ganglios linfáticos e dos tecidos linfoides nos que os linfocitos B maduros proliferan rapidamente, diferéncianse, mutan os seus anticorpos (por medio de hipermutación somática), e cambian a clase dos seus anticorpos durante unha resposta inmunitaria normal ante unha infección. Durante este proceso de rápida división e selección, as células B reciben o nome de centroblastos, e unha vez que paran de proliferar denomínanse centrocitos. Os centros xerminais están situados nos ganglios do sistema linfático e en tecidos linfoides periféricos como o bazo, placas de Peyer, tonsilas etc. Os centros xerminais son un elemento importante na resposta inmunitaria humoral das células B. Desenvólvense dinamicamente despois da activación das células B polos antíxenos T dependentes. Histoloxicamente, os centros xerminais son a descrición de certas partes distinguibles microscopicamente dos tecidos linfoides.