Estado satélite
From Wikipedia, the free encyclopedia
Estado satélite é un dos adxectivos pexorativos que se dá en política internacional a calquera Estado nominalmente independente e recoñecido por outros. Porén, na práctica atópase suxeito ao dominio político ou ideolóxico doutro, polo xeral unha potencia. Igual que ocorre con termos similares como Estado monicreque, catalogar un Estado como satélite ten connotacións partidistas e é propio dos detractores dos gobernos en cuestión.
O termo é unha analoxía cos corpos celestes que orbitan ao redor doutro maior. Foi inicialmente utilizado pola prensa occidental para referirse aos países do Pacto de Varsovia, pola súa estreita relación coa Unión Soviética durante a guerra fría. Tamén foron catalogados como «satélites soviéticos» Corea do Norte (particularmente nas décadas posteriores á Guerra de Corea) ou Cuba (especialmente tras integrarse no COMECON).
Pola súa banda, a prensa afín á URSS adoitaba usar definicións similares dos Estados capitalistas periféricos e os aliados dos EUA na OTAN, contraparte do Pacto de Varsovia. Así, tanto a prensa da República Democrática Alemá como a doutros países socialistas, referíase comunmente á Alemaña Occidental como un goberno monicreque da OTAN e os EUA.