Execución da familia Romanov
From Wikipedia, the free encyclopedia
A execución da familia imperial rusa, pertencente á dinastía Romanov, tivo lugar en Ekaterimburgo a noite entre o 16 e 17 de xullo de 1918.[1] O tsar Nicolao II, a súa esposa a tsarina Alexandra e os seus cinco fillos (Olga, Tatiana, María, Anastasia e Aleksei) foron fusilados xunto a un grupo de axudantes que decidiron acompañalos no seu exilio, entre os que destacan Eugene Botkin, Anna Demidova, Aleksei Trupp e Ivan Kharitonov. O fusilamento foi executado por un grupo de bolxeviques dirixidos por Iakov Iurovski baixo as ordes do Soviet Rexional dos Urais.
Execución da familia Romanov | |
---|---|
Lugar | Ekaterimburgo |
Branco(s) | familia Romanov, Eugene Botkin, Anna Demidova, Aleksei Trupp e Ivan Kharitonov. |
Data | A noite entre o 16 e 17 de xullo de 1918 |
Tipo de ataque | fusilamento |
Arma(s) | fusil |
Mortos | 11 |
Feridos | 0 |
Perpetrador(es) | por un grupo de bolxeviques dirixidos por Iakov Iurovski baixo as ordes do Soviet Rexional dos Urais. |
Sospeitoso(s) | Iakov Sverdlov e Vladimir Lenin |
Motivo | previr o rescate da familia real pola Lexión Checoslovaca |
[ editar datos en Wikidata ] |
O lugar no que se agocharon os corpos foi descuberto en 1979 polo detective Aleksandr Avdonin,[2] pero o achado dos restos non se publicou ata 1989, durante o período da glasnost.[3]
A identidade dos restos quedou confirmada mediante unhas investigacións forenses e do ADN, tralas cales os restos foron enterrados na fortaleza de San Pedro e San Paulo de San Petersburgo en 1998,[4] 80 anos despois da súa execución, nun funeral ao que non asistiron importantes membros da igrexa ortodoxa rusa, que se mostraban receosos de recoñecer a autenticidade dos restos.[5] En 2007 descubriuse un segundo enterramento, máis pequeno, que contiña os restos dos dous nenos Romanov que faltaban no enterramento principal.[2] Porén, os restos atopados nesta segunda tumba están gardados nun depósito estatal á espera de que se realicen novas análises xenealóxicas.[6] En 2008, tras un considerable e prolongado litixio, o Fiscal Xeral de Rusia rehabilitou a familia Romanov como "vítimas da represión política".[7] En 1993 o goberno pos-soviético abriu un litixio criminal, mais ninguén foi acusado en base a que os executores estaban xa mortos.[6]
Algúns historiadores atribúen a orde ao Goberno de Moscova, especificamente a Iakov Sverdlov e Vladimir Lenin, quen desexaban previr o rescate da familia real pola Lexión checoslovaca, que se aproximaba á zona na súa loita fronte aos bolxeviques no seo do Exército Branco no transcurso da guerra civil rusa.[8] Tal afirmación apóiase nunha pasaxe do diario de Lev Trotski.[9] Porén, nunhas investigacións recentes efectuadas por Vladimir Soloviov afírmase que non existe documento algún que sinale a Lenin ou Sverdlov como responsables.[10][11][12][13] Lenin tiña un gran control sobre o destino dos Romanov e asegurouse de que o seu nome non fose asociado co seu destino en ningún documento oficial.[14] O presidente Boris Eltsin describiu a execución como un dos episodios máis vergoñosos da historia de Rusia.[15][16]
En setembro de 2015 o Comité de Investigacións de Rusia reabriu as investigacións sobre a execución da familia imperial.[17]