Guerra da Independencia española en Galicia
enfrontamento militar entre España e o Primeiro Imperio Francés / From Wikipedia, the free encyclopedia
A guerra da Independencia española (1808-1814) foi un enfrontamento militar entre España e o Primeiro Imperio Francés, provocado pola pretensión de Napoleón de instalar no trono español ao seu irmán Xosé Bonaparte, tras as abdicacións de Baiona. Esta guerra, tamén coñecida como a francesada, solápase e confúndese coa que a historiografía anglosaxoa chama "guerra peninsular" (Peninsular War), iniciada en 1807 ao declararlle Francia e España a guerra a Portugal, tradicional aliado do Reino Unido. Tamén tivo un importante compoñente de guerra civil a nivel nacional entre afrancesados e patriotas.
Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde febreiro de 2018) |
O conflito desenvolveuse en plena crise do Antigo Réxime e sobre un complexo contexto de profundos cambios sociais e políticos impulsados polo xurdimento da identidade nacional española e a influencia no campo dos "patriotas" dalgúns dos ideais nacidos da Ilustración e a Revolución francesa, paradoxalmente espallados pola elite dos "afrancesados".
O tratado de Fontainebleau de 27 de outubro de 1807 prevía, de cara a unha nova invasión hispanofrancesa de Portugal, o apoio loxístico necesario para o tránsito das tropas imperiais. Baixo o mando do xeneral Jean-Andoche Junot, as tropas francesas entraron en España o 18 de outubro de 1807, cruzando o seu territorio a toda marcha chegando á fronteira portuguesa o 20 de novembro. Porén, os plans de Napoleón ían máis alá, e as súas tropas, moi superiores en número ao acordado en Fontainebleau, foron tomando posicións en importantes cidades e prazas fortes co obxecto de derrocar a Casa de Borbón e suplantala pola súa propia dinastía, convencido de contar co apoio popular.
Pero o resentimento da poboación polas exixencias de mantemento das tropas estranxeiras, que deu lugar a numerosos incidentes e episodios de violencia, xunto coa grande inestabilidade política xurdida pola querela entre Carlos IV de España e o seu fillo e herdeiro Fernando VII, orquestrada polos franceses, que se iniciou co Proceso de El Escorial e culminou no Motín de Aranjuez e o ascenso ao poder de Fernando VII, precipitou os acontecementos que desembocaron nos primeiros levantamentos no norte de España e a xornada do 2 de maio de 1808 en Madrid. A difusión das noticias da brutal represión e das abdicacións de Baiona do 5 e 9 de maio, estendeu por toda España o chamamento, iniciado en Móstoles, a enfrontarse coas tropas imperiais e decidiu a guerra pola vía da presión popular, a pesar da actitude contraria da Xunta Suprema de Goberno, órgano de rexencia instituído o 10 de abril de 1808 polo rei Fernando VII, que sería a encargada de dirixir os asuntos do reino na súa ausencia, cando tivo que viaxar a Francia convocado por Napoleón, nomeando ao seu tío o infante Antonio Pascual como presidente.
A gloria que foi negada ao pobo galego durante 200 anos recoñécese aquí con nomes, datas e lugares, dixo Francisco Rodríguez Iglesias, presidente de Hércules de Ediciones, na presentación do libro Victorias de Galicia. La Guerra de la Independencia. Cuando el pueblo gallego derrotó a Napoleón do coronel Navas Ramírez-Cruzado. Rodríguez expresou o seu desexo de que ese libro sirva para cambiar o defecto máis grave dos galegos, que é a falta de autoestima, mencionando a famosa frase do duque de Wellington: españois, imitade os inimitábeis galegos!.[1]
Pola súa parte para o autor, coronel de artillaría e durante sete anos director do Museo Militar da Coruña, foi Galicia enteira a que venceu as forzas de Napoleón, non foi o exército español, ou o que quedaba del, nin o inglés que veu axudar e o que fixo foi estorbar, nin os guerrilleiros. Así mesmo, tamén desmitificou outros feitos famosos desta contenda, como o 2 de maio, que morreu o día 3 cos fusilamentos; o levantamento de Zaragoza ou a gran Bailén, que o que fixo foi despertar o furor de Napoleón. Segundo Navas, foi a dignidade atropelada do pobo galego a que se levanta e expulsa os franceses da súa terra en seis meses, nunha guerra que durou seis anos.[1]