Negociacións Vikzhel
conversacións fracasadas entre os partidos socialistas rusos impostas polo comité executivo do sindicato ferroviario ruso / From Wikipedia, the free encyclopedia
As negociacións Vikzhel foron unhas conversacións, finalmente fracasadas, entre os partidos socialistas rusos impostas polo comité executivo do sindicato ferroviario ruso (Vikzhel) co fin de substituír o Sovnarkom, un Goberno exclusivamente bolxevique recentemente formado durante a Revolución de Outubro, por unha coalición das forzas socialistas.
Trala toma do poder do Sovnarkom durante a Revolución de Outubro, os seus opositores políticos socialistas recorreron ás armas. O comité executivo do Vikzhel, partidario da formación dun Goberno de coalición entre os diversos partidos socialistas, obrigoulles a iniciar negociacións para a súa creación.[1] O Vikzhel ameazaba con paralizar o transporte ferroviario, fundamental para abastecer as cidades e transportar as tropas tanto do Sovnarkom como as dos seus adversarios.[1]
A actitude dos distintos partidos variou segundo a sorte dos combates, que o Vikzhel non lograra deter. As correntes máis conservadoras dos partidos Socialrevolucionario (PSR) e Menxevique mostráronse ao comezo intransixentes e partidarias de desfacer as consecuencias da Revolución de Outubro na mesa de negociacións, posibilidade favorecida pola puxanza da fracción bolxevique disposta ao acordo e a adversa situación militar gobernamental. Petrogrado atopábase ameazada polas forzas reunidas por Kerenskii e Moscova estaba aínda en disputa. Doutra banda, faccións dos tres partidos avogaban con vehemencia pola formación da coalición.
Tras varias sesións, as partes alcanzaron un principio de acordo que, con todo, acabou rexeitando a maioría do comité central bolxevique, novamente baixo o control da fracción leninista, oposta ás concesións ás correntes conservadoras das outras formacións. A vitoria bolxevique en Moscova, o esmagamento do levantamento dos cadetes na capital e o fracaso da ofensiva de Kerenskii contra Petrogrado endureceron a posición bolxevique á vez que moderaron as esixencias dos seus adversarios socialistas. Lenin, co apoio fundamental de Trotski e o apoio cada vez maior do comité central bolxevique, esixiu unha serie de condicións para continuar as conversacións inaceptables para a outra parte, que respondeu coas súas propias, rexeitadas á súa vez polo Goberno. Os esforzos dos bolxeviques moderados por alcanzar un acordo intermedio que non incluíse todas as condicións aprobadas polo seu comité central levou a Lenin a tratar de imporlles a disciplina do partido e a retarlles a tomar o control. Os moderados, en resposta, dimitiron dos seus postos no Goberno e no comité central, o que non serviu para moderar a posición daquel. Tras varios días, o rexeitamento das condicións da oposición por parte da fracción leninista e a contrariedade da maioría da oposición a aceptar as dos bolxeviques conduciron ao fracaso das negociacións. Semanas despois, con todo, os socialrevolucionarios de esquerda, escindidos xa do PSR, entraron no Goberno.