Philosophiæ Naturalis Principia Mathematica
From Wikipedia, the free encyclopedia
Philosophiæ Naturalis Principia Mathematica (en latín "Principios matemáticos da filosofía natural") é unha obra científica de Isaac Newton, na que describe os seus descubrimentos na mecánica e no cálculo matemático. Foi publicada en 1687 a petición do seu amigo Edmond Halley, e a obra marcou un punto de inflexión na historia da ciencia, pois está considerada como unha das obra científica máis importantes xamais publicadas.
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Philosophiæ Naturalis Principia Mathematica | |
---|---|
Autor/a | Isaac Newton |
Lingua | lingua latina |
Xénero(s) | filosofía da natureza e mecánica clásica |
Data de pub. | 1687 |
[ editar datos en Wikidata ] |
A súa publicación demorouse moito polo temor de Newton a que outros tentasen apropiarse dos seus descubrimentos. Porén Edmond Halley premeu a Newton ata a súa publicación, cousa que Newton lle agradece nas primeiras páxinas do libro. Os tres 'libros' (partes) desta obra conteñen os fundamentos da física e a astronomía escritos na linguaxe da xeometría pura. O Libro I contén o método das "primeiras e últimas razóns" e, baixo o xeito de notas ou escolios, atópase como anexo do Libro III a teoría das fluxións. Esta obra monumental aportoulle un gran renome a Newton, pero resulta un traballo difícil de ler na actualidade dado a linguaxe e ton utilizados. Así, por exemplo, a notación usada hoxe no cálculo diferencial é a debida a Leibniz (quen parece que traballou no mesmo tema de xeito coetáneo, véxase máis abaixo), máis intuitiva e que facilita os cálculos, e non a de Newton, máis dificultosa.
No campo da mecánica recompilou na súa obra os achados de Galileo e enunciou as súas tres famosas leis do movemento. Delas puido deducir a forza gravitatoria entre a Terra e a Lúa e demostrar que esta é directamente proporcional ao produto das masas e inversamente proporcional ao cadrado da distancia, multiplicando este cociente por unha constante chamada constante de gravitación universal. Tivo ademais a grande intuición de xeneralizar esta lei a todos os corpos do universo, co que esta ecuación se converteu na expresión da lei de gravitación universal.
O exemplar da primeira edición dos Principia que pertenceu a Newton, contendo anotacións e correccións manuscritas, está depositado na Biblioteca Wren no Trinity College de Cambridge.
Existiu unha polémica concernente a quen fora o inventor do cálculo, título que se disputaron Newton e Leibniz. O certo é que se ben Leibniz publicou antes as súas ideas, Newton elaborara toda a súa teoría moito antes, pero demorouse en publicala.