Arte marxinal
From Wikipedia, the free encyclopedia
O termo arte marxinal (ou outsider art, en inglés) foi acuñado polo crítico de arte Roger Cardinal en 1972 trasladando ao inglés o concepto de Art Brut, que fora concibido polo artista francés Jean Dubuffet para describir a arte creada fóra dos límites da cultura oficial. Aínda que o termo de Dubuffet era bastante específico, pois o seu interese se dirixía especialmente ás manifestacións artísticas feitas por pacientes de hospitais psiquiátricos, o termo outsider art facíase extensivo aos artistas autodidactas ou naïf, aínda que nunca fosen internados nunha institución psiquiátrica.
O artista marxinal é por tanto aquel que desenvolve o seu labor creativo sen contacto algún coas institucións artísticas establecidas, respondendo a unha forte motivación intrínseca e facendo uso frecuentemente de materiais e técnicas inéditos.
Unha gran parte da arte marxinal reflicte estados mentais extremos, idiosincrasias particulares ou elaborados mundos de fantasía.
Desde o ano 2000 o Premio Europeo EUWARD, que galardoa a artistas mentalmente discapacitados, vén provendo a este tipo de arte cun fórum internacional.
O Art Brut é un termo acuñado en 1945 por Jean Dubuffet para se referir á arte criada por xentes alleas ao mundo artístico sen unha formación académica. Dubuffet comezou a reunir unha colección desta clase de obras e a divulgalas por medio de exposicións e publicacións despois da segunda guerra mundial para quitarlle ás obras o rótulo de arte de enfermos mentais.
Dubuffet afirmaba que todos levamos un potencial creativo que as normas sociais actuais anulan. Isto obsérvase nas creacións de persoas que se manteñen á marxe da sociedade, como internos de hospitais psiquiátricos, autodidactas, solitarios, inadaptados ou anciáns. Desde 1945 Dubuffet recolle estas obras, fundando en 1948 a "Compagnie d´Art Brut" xunto a André Breton, Michel Tapié e outros. A colección formada chega ás 5000 obras, que se expoñen por primeira vez en 1967 no Museo das Artes Decorativas de París, instalándose definitivamente en 1976 no Château de Beaulieu de Lausana. A colección está formada na súa maioría por obras de enfermos psiquiátricos, xeralmente esquizofrénicos; a pesar diso, Dubuffet rexeitou sempre a idea de "arte psiquiátrica" afirmando que "non existe unha arte dos tolos". O art brut constitúe un aspecto fundamental do primitivismo asumido (aínda que se trate dunha expresión hoxe cuestionada) asumido ao longo de todo o século XX por algúns artistas que permanecen á marxe da modernidade.