Camuflaxe para a neve
From Wikipedia, the free encyclopedia
A camuflaxe para a neve é o uso dunha coloración ou padrón para conseguir unha camuflaxe efectiva en inverno, a miúdo combinada cunha camuflaxe de verán diferente. Os padróns de verán son normalmente disruptivos con combinacións de tons marróns e grises ata o negro, mentres que os padróns invernais están dominados polo branco para cadrar cos tons das paisaxes nevadas.
Entre os animais, a camuflaxe para a neve variable é un tipo de polifenismo estacional cunha plumaxe ou pelame diferenciados de inverno. Atópase en aves como o lagópodo, mamíferos lagomorfos como a lebre ártica, mustélidos como o armiño, e un cánido, o raposo ártico. Como estas especies evolucionaron separadamente, a súa aparencia similar débese a unha evolución converxente. Isto foi aducido como unha das primeiras probas presentadas da selección natural (ver evidencias de coloración da selección natural). Algunhas especies árticas como o bufo nival (Bubo scandiacus) e o oso polar permanecen con cor branca durante todo o ano.
No uso militar, os soldados a miúdo cambian o seu padrón disruptivo dos uniformes de verán por outro invernal de camuflaxe para a neve máis groso no que se imprimen diversas versións de padróns de cor principalmente branca, ou usan monos brancos sobre os seus uniformes. Algúns exércitos utilizaron uniformes reversibles, impresos con diferentes padróns estacionais en cada lado. Os vehículos e armas adoitan ser simplemente repintados de branco. Ocasionalmente, os avións tamén son repintados con padróns de camuflaxe para a neve.