Coagulación do sangue
From Wikipedia, the free encyclopedia
A coagulación do sangue é o proceso polo cal o sangue forma unha masa sólida chamada coágulo. É unha parte importante da hemostase, é dicir, da detención da perda de sangue polos vasos sanguíneos lesionados, na cal a zona da parede do vaso danada se cobre de plaquetas e material coagulado que contén fibrina para parar a hemorraxia e empezar a reparar a parede do vaso. Os trastornos na coagulación do sangue poden causar un aumento do risco de hemorraxias ou a formación de coágulos obstrutivos (trombose). Os coágulos formados dentro dun vaso sanguíneo denomínanse trombos.[1]
O proceso de coagulación sanguínea está moi conservado entre os seres vivos; en todos os mamíferos a coagulación implica a dous compoñentes: células (plaquetas) e proteínas (factores de coagulación).[2] Nos humanos o sistema investigouse intensamente e é o mellor coñecido.[2]
A coagulación empeza case inmediatamente despois de que se produce unha lesión nun vaso sanguíneo que afectou ao endotelio que o reviste internamente. Cando o sangue se expón a proteínas chamadas factores tisulares prodúcense cambios nas plaquetas e na proteína do plasma sanguíneo fibrinóxeno, que é un factor de coagulación. As plaquetas forman inmediatamente un tapón no sitio da lesión, o que se chama hemostase primaria. A hemostase secundaria ocorre simultaneamente: As proteínas do plasma, chamadas factores de coagulación, responden nunha complexa fervenza de activacións formando filamentos de fibrina, que reforzan o tapón plaquetario.[3]