Dólar Susan B. Anthony
moeda dun dolar fóra de uso / From Wikipedia, the free encyclopedia
O dólar Susan B. Anthony é unha moeda con valor facial dun dólar cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos desde 1979 ata 1981, e novamente en 1999, caracterizada por amosar nos seus anversos a figura da sufraxista estadounidense Susan B. Anthony.
Dólar Susan B. Anthony [1] | |
---|---|
A/: Busto de perfil de Susan B. Anthony cara á dereita. | R/: Aguia cunha póla de loureiro nas súas poutas sobre paisaxe lunar, baseado na insignia da misión Apollo 11. |
· Datas: 1979-1999.
· Cecas: Filadelfia (P), Denver (D) e San Francisco (S). · Aliaxe: cuproníquel: cobre (75 %), níquel (25 %). · Espesor: 2,00 mm. · Canto: estriado. |
A moeda xurdiu como un intento de substitución do anterior "dólar Eisenhower", de maior tamaño.
A primeira proposta para o deseño desta nova moeda prevía unha imaxe personificada da Liberdade no seu anverso, mais algúns representantes no Congreso e asociacións civís solicitaron que fose cambiada pola dunha muller real. Logo de diferentes propostas, optouse pola reformista Susan B. Anthony. Como reverso mantívose o que xa tiña o dólar Eisanhower, inspirado na insignia da misión Apollo 11. Ambas as faces foron deseñadas por Frank Gasparro, gravador xefe da US Mint.
Cuñáronse máis de 900 millóns de pezas en previsión dunha considerable demanda, aínda que o seu acollemento non foi o esperado, en parte por mor da confusión causada pola similitude en tamaño e aspecto coa moeda dun cuarto de dólar. Malia estas reticencias, comezaron a utilizarse nas máquinas expendedoras e no transporte público, o que ocasionou que se esgotase o excedente na década de 1990.
En 1997, o Congreso aprobou unha lei pola que se autorizaba unha nova moeda dun dólar, de aspecto dourado, coa imaxe da exporadora nativa americana Sacagawea nos seus anversos, mais a súa produción non puido comezar tan axiña como requiría a demanda existente e, como medida provisional, retomouse extraordinariamente a cuñaxe do dólar de Susan B. Anthony en 1999, en tanto que non se puidese producir a súa substituta. Ese foi o seu derradeiro ano de cuñaxe.