Federación
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha federación (do latín fœdus, "pacto") é un estado conformado pola reunión de varias entidades territoriais. Tamén adoita denominarse estado federal, xeralmente ten un sistema político republicano, constituíndo unha república federal, e excepcionalmente monárquico.
Atención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde novembro de 2017.) |
As federacións están compostas por divisións territoriais que se autogobernan, denominadas xeralmente estados, cantóns, rexións, provincias ou mesmo doutro modo. Estas divisións gozan dun maior ou menor grao de autonomía pero , en calquera caso, teñen facultades de goberno ou lexislación sobre determinadas materias, distintas das que corresponden á administración federal (goberno da federación). O status de autogoberno das rexións que o compoñen está establecido pola súa constitución e, normalmente, non pode alterarse unilateralmente por decisión do goberno da federación.
O modelo federal pode chegar incluso ao dereito de autodeterminación dos territorios federados, como ocorreu durante o desmembramento da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas. O termo contraponse ao de estado unitario ou centralizado.
As federacións poden ser multiétnicas ou estenderse por amplos territorios, aínda que non necesariamente ten por que darse algunha destas situacións. Con frecuencia as federacións constitúense sobre un acordo orixinal entre estados soberanos. Os estados que forman a federación non acostuman ter dereito a separarse unilateralmente da mesma. Entre as federacións máis significativas contemporáneas están os EUA, México, Arxentina, o Brasil, a India, Rusia, Alemaña ou Venezuela.
A organización política ou estrutura constitucional que caracteriza unha federación coñécese como federalismo.