Fluxo xénico
transferencia de xenes dunha poboación a outra / From Wikipedia, the free encyclopedia
En xenética de poboacións, fluxo xénico (tamén chamado fluxo xenético ou migración de xenes) é a transferencia de alelos ou xenes dunha poboación a outra.
A migración cara a dentro ou fóra dunha poboación pode ser responsable dun marcado cambio nas frecuencias alélicas (a proporción de membros que portan unha variante particular dun xene). A inmigración pode tamén ter como resultado a adición de novas variantes xenéticas á poza xénica establecida dunha determinada especie ou poboación.
Hai varios factores que afectan á taxa de fluxo xénico entre diferentes poboacións. Un dos factores máis significativos é a mobilidade, xa que unha maior mobilidade dun individuo tende a darlle un maior potencial migratorio. Os animais tenden a ser máis móbiles que as plantas, aínda que o pole e as sementes poden ser levados a grandes distancias polo vento ou animais.
Un fluxo xénico sostido entre dúas poboacións dunha mesma especie pode tamén orixinar unha combinación das dúas pozas xénicas, reducindo a diferenciación xenética entre os dous grupos. Por esta razón o fluxo xénico actúa vigorosamente contra a especiación, ao recombinar as pozas xénicas dos grupos, e dese xeito, restaurar as diferenzas que se estaban desenvolvendo na variación xenética que terían levado a unha completa especiación e a creación de especies fillas.
Por exemplo, se unha especie de herba crece a ambos os lados dunha autoestrada, é probable que o pole sexa transportado dun lado ao outro. Se este pole pode fecundar unha planta, e a planta onde acaba produce descendencia viable, entón os alelos do pole poden efectivamente moverse desde a poboación dun lado da autoestrada a outra, polo que non se acumulan diferenzas entre as poboacións de ambos os lados.