Hemípteros
orde de insectos / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os hemípteros[2] (Hemiptera) son unha orde de insectos que comprende de 50 000 a 80 000 especies[3] moitos deles chamados chinches, pero tamén pertencentes a outros grupos como os das cigarras, áfidos (pulgóns) ou zapateiros, entre outros. O seu tamaño varía de 1 mm a 15 cm e teñen unhas pezas bucais chuchadoras características.[4]
Hemípteros Rango fósil: Moscoviano - Actual | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Acanthosoma haemorrhoidale | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Subordes[1] | |||||||||||||
|
A maioría dos hemípteros aliméntanse de plantas, usando as súas pezas bucais chuchadoras e perforadoras para extraer os zumes das plantas. Algunhas especies son parasitas, mentres que outras son predadoras e aliméntanse doutros insectos ou outros pequenos invertebrados. Viven nunha ampla variedade de hábitats, xeralmente terrestres, aínda que algunhas especies están adaptadas á vida na auga ou na superficie da auga doce. Os hemípteros son hemimetábolos, e teñen ninfas xoves que lembran bastante aos adultos. Moitos áfidos poden realizar a partenoxénese, producindo fillos a partir de ovos non fertilizados; isto facilita que se multipliquen de forma moi rápida en condicións favorables.
Algunhas especies, como moitos áfidos, son importantes pragas agrícolas e danan os cultivos pola a súa acción directa de zugar os zumes internos da planta, pero tamén causan danos indirectos ao seren vectores de graves enfermidades virais. Algunhas poden ser vectores de enfermidades humanas; por exemplo, en América Central e do Sur os Triatominae (Triatoma, Rhodnius, Panstrongylus) son importantes vectores da enfermidade de Chagas ou tripanosomíase americana. Os hemípteros foron criados para a obtención do pigmento extracto de cochinilla (tamén chamada carmín) e de goma laca. A chinche das camas é un parasito hematófago persistente dos humanos. Outras especies foron utilizadas para o control biolóxico de pragas doutros insectos. As cigarras (carricantas, chicharras ou cantariñas) foron utilizadas como alimento e aparecen na literatura desde a Ilíada de Homero.