Música industrial
From Wikipedia, the free encyclopedia
A música industrial é un xénero musical que se basea en sons e temas ásperos, transgresivos ou provocativos. AllMusic define á música industrial como a "fusión de rock e música electrónica máis abrasiva e agresiva" que foi "inicialmente unha mestura de experimentos de electrónica de vangarda (música de cinta, musique concrète, ruído branco, sintetizadores, secuenciadores etc.) e provocación punk".[1] O termo foi cuñado a mediados dos 70 coa fundación de Industrial Records por membros de Throbbing Gristle e Monte Cazazza. Aínda que o nome do xénero orixinouse coa aparición de Throbbing Gristle no Reino Unido, concentracións de artistas e selos vitais para o xénero tamén apareceron nos Estados Unidos, concretamente en Chicago.
Música industrial | |
---|---|
Orixe musical | electrónica, avant-garde, punk rock, noise, musique concrète, EDM, art pop, improvisación libre, performance |
Orixe cultural | principios-mediados dos 70 no Reino Unido, Estados Unidos (Chicago) e Alemaña |
Derivados | Glitch, IDM, New Beat, noise rock, outsider house |
Subxéneros | |
electro-industrial, martial industrial, power electronics | |
Xéneros de fusión | |
dark ambient, EBM, dance industrial, pop industrial, hip hop industrial, metal industrial, rock industrial, techno industrial, neofolk, techstep, witch house, darkcore | |
Os primeiros artistas industriais experimentaron con ruído e temas esteticamente controvertidos, tanto musical como visualmente, como o fascismo, a perversión sexual e o ocultismo. Entre os artistas máis destacados da música inustrial atópanse Throbbing Gristle, Monte Cazazza, SPK, Boyd Rice, Cabaret Voltaire e Z'EV.[2] No álbum de estrea de Throbbing Gristle, The Second Annual Report (1977), a banda cuñou o eslogan "música industrial para xente industrial". O selo independente baseado en Chicago Wax Trax! Records contou cun gran cadro de artistas do xénero. Os precursores que influenciaron o desenvolvemento da música industrial inclúen artistas da música electrónica como Kraftwerk, do rock experimental como Pink Floyd e Frank Zappa, do rock psicodélico como Jimi Hendrix, e compositores como John Cage. Os músicos tamén citan a escritores como William S. Burroughs, e filósofos como Friedrich Nietzsche como influencias.
Aínda que o termo foi autoaplicado por un pequeno grupo de bandas e individuos relacionados con Industrial Records a finais da década dos 70, ampliouse para incluír a artistas influenciados polo movemento orixinal ou que usaban unha estética "industrial". Co tempo, a influencia do xénero estendeuse e mesturouse con estilos como ambient, música synth e rock como en Front 242, Front Line Assembly, KMFDM, e Sister Machine Gun do selo baseado en Chicago Wax Trax! Records. A música electro-industrial é un subxéro primario desenvolvido nos anos 80, sendo os seus representantes máis notables Front Line Assembly e Skinny Puppy. Os outros dous híbridos do xénero máis destacables son o rock industrial e o metal industrial, que inclúen bandas como Nine Inch Nails, Ministry e Fear Factory, os dous primeiros con discos de platino publicados nos anos 90.