Olaría azul e branca
From Wikipedia, the free encyclopedia
A olaría azul e branca, ou cerámica azul e branca, (en chinés : 青花; pinyin : qīng-huā; lit. "Flores / patróns azuis") abrangue unha gran variedade de cerámica e porcelana brancas, decoradas baixo o esmalte cun pigmento azul, normalmente óxido de cobalto. A decoración adoitaba ser aplicada á man, orixinalmente pintanda con pincel, máis modernamente mediante esténcil, impresión por transferencia e outros métodos. O pigmento de cobalto é dos poucos que pode soportar as altas temperaturas de cocción requiridas, o que explica en parte a súa popularidade duradeira. Outras cores requirían decoración sobre o esmalte, pero entón é necesaria unha segunda cocción a unha temperatura inferior para seren fixadas.
Crese que a orixe deste estilo estivo no Iraq, cando os artesáns de Basora procuraron imitar o gres chinés importado, coa súa propia cerámica branca esmaltada, engadindo veladuras azuis. Atopáronse pezas azuis e brancas que datan do século IX, correspondentes ao califato abasí, pouco despois da apertura da ruta marítima directa de Iraq á China.[1][2]
Máis tarde, na China, refinouse e empregouse a maior escala un estilo de decoración baseado en formas sinuosas de plantas distribuídas polo obxecto. Esta decoración foi moi usada na porcelana chinesa do século XIV, despois de que o pigmento de cobalto para o azul comezase a ser importado de Persia. Inspirou imitacións na cerámica islámica e xaponesa, e no século XVIII na europea, esmaltada con estaño, unha técnica coñecida como delftware. Seguen producíndose cerámicas azuis e brancas nesas tradicións, a maioría copiando estilos anteriores.