Príncipe elector
From Wikipedia, the free encyclopedia
O príncipe elector ou príncipe electoral (en alemán: Kurfürst) era un membro do colexio electoral que tiña a función de elixir aos emperadores do Sacro Imperio Romano Xermánico. As súas funcións e os primeiros príncipes electores están definidos pola Bula de Ouro de 1356. A partir do século XV limitáronse realmente a formalizar o que era, en realidade, unha sucesión dinástica. Formalmente, elixiron o rei de romanos, que só se converteu en emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico cando foi coroado polo papa. Carlos V foi o último en ser realmente coroado; todos os seus sucesores foron só "Emperadores Electos". Os electores estaban entre os príncipes do Imperio, pero tiñan certos privilexios (ademais dos electorais), que se perdían ao ser apartados do seu cargo de electores.
Durante gran parte da historia do Sacro Imperio Romano Xermánico (legalmente dende o século XIV) houbo sete electores: os arcebispos de Maguncia, Tréveris e Colonia, o rei de Bohemia, o conde palatino do Rin, o duque de Saxonia e o margrave de Brandeburgo. Estes tres últimos tamén son coñecidos como elector palatino, elector de Saxonia e elector de Brandeburgo, respectivamente. Durante o século XVII engadíronse outros electores, incluíndo os duques de Baviera (electores de Baviera) e os duques de Brunswick-Lüneburg (electores de Hannover). A principios do século XIX creáronse novos electores, pero nunca participaron en ningunha elección, xa que o Sacro Imperio Romano Xermánico foi abolido o 8 de agosto de 1806 baixo a presión de Napoleón Bonaparte.[1]