Premios Nobel
conxunto de premios internacionais anuais / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Premios Nobel (en sueco, Nobelpriset;[1] en noruegués, Nobelprisen[2]) son uns galardóns internacional que se outorgan cada ano para recoñecer persoas ou institucións que levaran a cabo investigacións, descubrimentos ou contribucións notables á humanidade no ano anterior ou no transcurso das súas actividades.[3]
Premios Nobel | |
---|---|
Tipo | premio e premio científico |
Data de fundación | 1901 |
Fundador(es) | Alfred Nobel |
Nomeado en referencia a | Alfred Nobel |
País | Suecia e Noruega |
Na rede | |
https://www.nobelprize.org/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Sorprendido ao ver a edición dun xornal que falaba da morte do seu irmán como sendo a súa, Alfred Nobel, un industrial sueco inventor da nitroglicerina, instituíu en 1895 os premios que levan o seu nome como última vontade e para ser lembrado.[3] Comezaron a entregarse en 1901 nas categorías de Física, Química, Fisioloxía ou Medicina, Literatura e Paz.[4]
En 1968 estableceuse tamén o Premio de Ciencias Económicas en Memoria de Alfred Nobel, patrocinado polo Banco de Suecia e xestionado pola Real Academia das Ciencias de Suecia, e que é comunmente chamado Premio Nobel de Economía.[4]. O primeiro Premio Nobel de Economía entregouse en 1969.[5]
Ante a inexistencia dun Premio Nobel de Matemáticas, Sophus Lie foi o primeiro en propor a creación do Premio Abel cando descubriu en 1897 que Alfred Nobel non tivera a intención de crear un premio de Matemáticas. Tras unha primeira tentativa de instauralo a comezos do século XX, non foi ata 2003, logo de que a Academia Norueguesa de Ciencias e Letras se fixera cargo del, que non se entregou por primeira vez. Conmemora ao matemático noruegués Niels Henrik Abel, a quen debe o seu nome e, aínda que non é un dos Premios Nobel, está en correspondencia con estes. As matemáticas tamén teñen desde 1933 outro galardón importante, a Medalla Fields, na honra do matemático canadense John Charles Fields, outorgado cada catro anos pola Unión Matemática Internacional a matemáticos menores de 40 anos.
O Comité Internacional de Ciencias Históricas creou en 2015 o Premio Internacional de Ciencias Históricas.[6]
A Real Academia das Ciencias de Suecia é a encargada de nomear ao ganadores dos Premios Nobel de Física; de Química e do Premio en Ciencias Económicas en memoria de Alfred Nobel.[7] A Asemblea do Nobel do Instituto Karolinska elixe ao ganador de Medicina,[8] e a Academia Sueca nomea ao ganador do de Literatura.[9] Os catro premios citados entréganse nunha cerimonia celebrada na capital sueca, Estocolmo, cada 10 de decembro, aniversario da morte de Nobel.[10] Pola contra, o Premio Nobel da Paz outórgao o Comité Noruegués do Nobel, e entrégase en Oslo, capital norueguesa.[11]
Os premios Nobel entréganse anualmente. Cada persoa ou institución laureada recibe unha medalla de ouro, un diploma e unha cantidade de diñeiro que determina a Fundación Nobel.[12] En 2020 esta cantidade ascendía a 10 millóns de coroas suecas,[4] equivalente a uns 980 000 euros. O premio non se pode outorgar de forma póstuma, a non ser que o ganador fose nomeado antes da súa defunción.[4][13] Se o premio é compartido, a contía repártese entre os ganadores, que non poderán ser máis de tres.[4]