Pórfiro
rocha volcánica / From Wikipedia, the free encyclopedia
O pórfiro[1] é o nome que se lle dá a granitos ou rochas ígneas de cristais de gran groso como feldespatos ou cuarzos dispersos nunha matriz de gran fino rica en silicatos xeralmente afanítica. Os cristais máis grandes denomínanse fenocristais.[2] No seu uso tradicional non xeolóxico o termo pórfiro adoita referirse á forma de cor vermella-púrpura desta pedra, moi valorada pola súa aparencia, pero tamén se usan outras cores decorativas de pórfiro como a "verde", "negra" e "gris".[3][4]
O termo pórfiro procede do grego antigo πορφύρα (porphyra), que significa 'púrpura'. A cor púrpura era a cor da realeza e o "pórfiro imperial" romano era unha rocha ígnea púrpura intenso con grandes cristais de plaxioclasio. Algúns autores afirmaron que a rocha era a máis dura coñecida na antigüidade.[5] Por esa razón, o pórfiro era moi aprezado nos monumentos e construcións na Roma imperial e posteriormente.
Despois, o nome déuselle a calquera rocha ígnea con grandes cristais. O adxectivo porfírico agora refírese a certa textura de rochas ígneas sen importar cal é a súa composición quimica e mineralóxica. As súas principais características son unha gran diferenza en tamaño entre os pequenos cristais da matriz e os fenocristais moito máis grandes inmersos nela. Os pórfiros poden ser afanitas ou faneritas, é dicir, a matriz pode ter cristais microscópicos como no basalto, ou cristais doadamente distinguibles a simple vista, como no granito.