Río de Xaneiro
cidade do Brasil / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Río de Xaneiro,[1][2] (en portugués: Rio de Janeiro), ás veces coñecida simplemente como Río[3] e fundada como São Sebastião do Rio de Janeiro, é a capital do estado do Río de Xaneiro, a segunda cidade máis grande do Brasil e a terceira área metropolitana de América do Sur, con aproximadamente 6,5 millóns de habitantes (2017) na súa área municipal e 12,3 millóns na área metropolitana, converténdoa na sexta cidade de América e a vixésimo sexta do mundo. É o principal destino turístico internacional no Brasil,[4] de América Latina e de todo o hemisferio sur.[5] A capital fluminense é a cidade brasileira máis coñecida no exterior,[6] funcionando como un "espello", ou "retrato" nacional, ora positiva ora negativamente. Parte da cidade está considerada como lugar Patrimonio da Humanidade pola UNESCO dende o 1 de xullo de 2012 na categoría de paisaxes culturais coa denominación Río de Xaneiro: paisaxes cariocas entre a montaña e o mar.[7][8] O himno da cidade leva por nome Cidade Maravilhosa e os seus habitantes chámanse cariocas (tamén son fluminenses, aínda que este xentilicio é máis amplo e refírese aos habitantes do Estado do Río de Xaneiro[9]).
- Para o estado homónimo véxase: Estado do Río de Xaneiro.
Rio de Janeiro (pt) | |||||
Himno | Cidade Maravilhosa (pt) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Estado | Brasil | ||||
Unidades da federación | Estado do Río de Xaneiro | ||||
Capital de | Reino de Portugal Imperio Portugués Imperio do Brasil Primeira República Brasileira Estado do Brasil (pt) Estado do Río de Xaneiro Reino Unido de Portugal Período Populista (pt) Brasil (1763–1960) Município Neutro (pt) (1834–1889) Distrito Federal (pt) (1889–1960) Guanabara (1960–1975) | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 6.211.423 (2022) (4.929,59 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 1.260,029215 km² | ||||
Altitude | 31 m | ||||
Comparte fronteira con | Duque de Caxias Mesquita Nova Iguaçu Itaguaí (pt) Nilópolis (pt) São João de Meriti (pt) Seropédica (pt) | ||||
Datos históricos | |||||
Creación | 11 de marzo de 1565 | ||||
Evento clave | |||||
Santo padrón | Sebastián | ||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Marcelo Crivella (pt) (2017–) | ||||
Órgano lexislativo | Câmara Municipal do Rio de Janeiro (pt) Circunscrición: 0, (Escano: 51) | ||||
Membro de | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 20000-000 | ||||
Fuso horario | |||||
Prefixo telefónico | 21 | ||||
Código de concello do Brasil | 3304557 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | Kíiv (2000–) | ||||
Páxina web | rio.rj.gov.br |
Fundada en 1565 polos portugueses, a cidade foi inicialmente a sede da Capitanía do Río de Xaneiro, unhas das distintas capitanías do Imperio. Máis tarde, en 1793, converteuse na capital do Estado do Brasil, un dos múltiplos territorios coloniais portugueses. Uns anos máis tarde, en 1808, cando a casa real portuguesa se trasladou ao Brasil, Río converteuse na sede da corte de María I que, posteriormente en 1815, baixo o a dirección do seu fillo o Príncipe rexente e futuro Rei Xoán VI, elevou o Brasil á categoría de Reino dentro do Reino Unido de Portugal, Brasil e o Algarve. Así, Río converteuse na capital da pluricontinental monarquía portuguesa até 1822, cando comezou a guerra da Independencia brasileira. Despois serviría como capital do independizado Imperio do Brasil até 1889, e posteriormente capital republicana até 1960, cando a sede do goberno foi trasladada para a entón recentemente construída Brasilia.
É un dos principais centros económicos, culturais e financeiros do país, sendo internacionalmente coñecida por diversas iconas culturais e paisaxísticas, coma o Pão de Açúcar, o cerro do Corcovado coa estatua do Cristo Redentor, as praias dos barrios de Copacabana, Ipanema e Barra da Tijuca (entre outras), o Estádio do Maracanã, o Estádio Nilton Santos, o barrio bohemio da Lapa e os seus arcos, o Teatro Municipal do Rio de Janeiro, os bosques da Tijuca e da Pedra Branca, a Quinta da Boa Vista, a Biblioteca Nacional, a ilha de Paquetá, o Aninovo de Copacabana, o carnaval carioca, a Bossa nova e a samba.
Representa o segundo maior PIB do país[10] (e o trixésimo maior do mundo[11]), e é sede das dúas maiores empresas brasileiras - a Petrobras e a Vale, e das principais compañías de petróleo e telefonía do Brasil, alén do maior conglomerado de empresas de medios de comunicación de América Latina, o Grupo Globo.[12] É a sede de gran número de universidades e institutos, é o segundo maior polo de investigación e desenvolvemento do Brasil, responsábel do 19% da produción científica nacional, segundo datos de 2005. Destaca para a Universidade Federal do Rio de Janeiro que publicou 5.952 artigos entre 1998 e 2002.[13] Río de Xaneiro está considerada unha cidade global beta polo inventario de 2008 Globalization and World Cities Research Network (GaWC) da Universidade de Loughborough.
A súa rexión metropolitana (Grande Río) concentra moitas industrias químicas e de metalurxia. Está a 430 km da cidade de São Paulo, a máis grande do país, a cal é ligada pola estrada Rodovia Presidente Dutra. Ten dous importantes aeroportos: o Aeroporto Internacional Tom Jobim, moi utilizado para voos internacionais e domésticos, e o segundo en movemento do país; e máis o Aeroporto Santos Dumont, próximo ó centro da cidade, que é usado só por voos cara a São Paulo, Belo Horizonte e Brasilia.