Sexto informe de avaliación do Grupo intergobernamental sobre o cambio climático
informe intergobernamental sobre o cambio climático / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Sexto informe de avaliación do Grupo intergobernamental sobre o cambio climático, tamén coñecido abreviadamente como 6º Informe do GICC (do inglés, IPCC 6th Asssesment Report), é a última actualización das actividades do Grupo intergobernamental sobre o cambio climático, que compila e sintetiza os estudos de miles de científicos de todo o mundo sobre o quecemento global. É resultado da cooperación entre a Organización Meteorolóxica Mundial e o Programa das Nacións Unidas para o medio ambiente. A súa publicación, dividida en volumes, comezou o 9 de agosto de 2021, coa publicación do Summary for Policymakers (sumario para os creadores de políticas), un resumo en linguaxe máis accesible do volume The Physical Science Basis of Climate Change (Bases da Ciencia Física do Cambio Climático). [1] [2] A publicación do volume completo e dos restantes debería producirse nos seguintes meses, prevista para outono de 2022, unha vez rematadas e aprobadas as revisións finais. [3]
O 6º Informe é a versión máis actualizada da serie de grandes documentos que o IPCC leva elaborando desde 1990 [4][3] e reforzou as conclusións dos informes anteriores de que o quecemento global é unha realidade e que a súa causa é actividades humanas. [5] 517 científicos traballaron no documento, [6] analizando máis de 14 000 estudos científicos, [4] sendo aprobados por representantes de 195 gobernos.[7]
O informe concluíu que desde 1850 o planeta quentouse nunha media de 1,1 °C, cun quecemento máis intenso nos continentes, e que se espera que o quecemento global medio alcance ou supere os 1,5 °C nos próximos 20 anos. [5] En todos os escenarios hipotéticos desenvolvidos polos modelos climáticos, agás no escenario de emisións de gases de efecto invernadoiro máis baixas (SSP1-1,9), o nivel de 1,5 °C, o nivel que o Acordo de París considerou o máximo seguro, será ultrapasado nun futuro próximo e manterase por riba de 1,5 °C até finais de século. Os compromisos internacionais actuais de redución de emisións son insuficientes para manter o nivel de 1,5 °C, e aínda que se cumpran, a mellor estimación é que chegaremos ao ano 2100 cun quecemento de 2,7 °C. [1] [8] As temperaturas observadas dende 2011 coinciden cos do período cálido de hai 125.000 anos, cando a capa de xeo de Groenlandia desapareceu case por completo. Aínda co quecemento estabilizado a 1,5 °C, é probábel que sucedan eventos extremos sen precedentes no rexistro histórico. [3]
O relatorio respondeu preguntas importantes sobre como as emisións de gases de efecto invernadoiro e outros contaminantes están a alterar o clima; como as plantas, o chan e o océano almacenan e liberan carbono; como responde o clima á influencia humana; e o que podemos esperar de calquera novo aumento do quecemento global. A súa información proporciona unha base sólida para a adopción de estratexias e políticas para mitigar e adaptarse ao quecemento e aos seus efectos.[9] O informe deixou claro que se continúan as tendencias actuais, o quecemento seguirá aumentando, pero que o futuro do planeta depende das eleccións que tome a humanidade na actualidade. Non obstante, para que o quecemento se conteña por debaixo de 1,5 °C, as emisións deben caer a cero nas próximas décadas, se non, debería esperarse un aumento de 2,5 a 4 °C para finais do século XXI. [10]