Tectónica de placas
From Wikipedia, the free encyclopedia
A tectónica de placas é unha teoría científica que establece que a litosfera (a porción superior máis fría e ríxida da Terra) está fragmentada nunha serie de placas ou baldosas que se desprazan sobre o manto terrestre fluído (astenosfera). Esta teoría tamén describe o movemento das placas, as súas direccións e interaccións.
As diferentes placas desprázanse con velocidades da orde de 5 cm/ano o que é, aproximadamente, a velocidade con que crecen as uñas das mans. Dado que se desprazan sobre a superficie finita da Terra, estas interaccionan unhas coas outras ó longo das súas fronteiras ou límites (ver abaixo) provocando intensas deformacións na codia e litosfera da Terra, o que dá lugar a grandes cadeas montañosas (v.g. os Andes e Alpes) e grandes sistemas de fallas asociadas con estas (v.g. o sistema de fallas de San Andrés). O contacto por fricción entre os límites das placas é responsable da maior parte de terremotos.
Identificáronse 12 placas grandes e numerosos "bloques" de dimensións menores. As principais placas son: Africana, Norte América, América do Sur, Placa do Pacífico, Placa de Nazca, Euroasiática, Cocos, Caribe, Antártica, Australiana, de Arabia e de Filipinas.