Verme da seda
especie de insecto / From Wikipedia, the free encyclopedia
O verme da seda[1] é a larva ou eiruga da avelaíña (ou bolboreta) da seda doméstica, tamén chamada bómbice,[2] de nome científico Bombyx mori. Este lepidóptero é máis coñecido pola súa eiruga, que é a que produce os casulos de seda, que polo adulto. É un insecto economicamente importante, xa que é o principal produtor de seda natural. Aínda que se lle chame "verme" pola súa forma, non ten nada que ver cos verdadeiros vermes (anélidos, nematodos...), e, estritamente falando, tampouco é unha bolboreta (diúrna) senón unha avelaíña. O verme da seda aliméntase esencialmente de follas de moreira branca (Morus alba), aínda que poden comer tamén follas doutras especies de moreira e incluso doutras plantas da familia como Macula pomifera. As avelaíñas da seda domésticas dependen totalmente do ser humano para a súa reprodución, como resultado de milenios de crianza selectiva. As avelaíñas da seda silvestres das cales derivan son diferentes (xa que non foron criadas selectivamente) e non serían comercialmente viables na produción de seda.
Bombyx mori | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Macho (arriba) e femia (abaixo) emparellados
| |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Domesticado | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Bombyx mori (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
|
A sericultura é a cría do verme da seda para producir seda en bruto e leva practicándose desde hai polo menos 5 000 anos na China,[3] desde onde se espallou a Corea e o Xapón, a India e posteriormente a Occidente. O bómbice (Bombyx mori) foi domesticado a partir da avelaíña da seda silvestre Bombyx mandarina, que vive desde o norte da India ao norte da China, Corea, o Xapón e as rexión do extremo oriente ruso. O bómbice domesticado deriva das variedades chinesas e non das xaponesas ou coreanas.[4][5]
É improbable que o bómbice fose criado de forma doméstica antes do Neolítico, porque as ferramentas para fabricar grandes cantidades de fío de seda non estaban desenvolvidas. O B. mori domesticado e o B. mandarina silvestre aínda poden cruzarse e ás veces prodúcense híbridos.[6]:342