Claude Lorrain
pintor de Lorena / From Wikipedia, the free encyclopedia
Claude Gellée (alcumado le Lorrain ou simplemente Lorrain), nado en Chamagne, Vosgos, Lorena, entre o ano 1600 e o 1605, e finado en Roma, Estados Pontificios, o 23 de novembro de 1682, foi un pintor francés establecido en Italia.[nota 1] Pertencente ao período da arte barroca, enmárcase na corrente denominada clasicismo, dentro da cal destacou no paisaxismo. Da súa extensa produción subsisten hoxe en día 51 gravados, 1200 debuxos e uns 300 cadros.[1]
Nome orixinal | (fr) Claude Gellée |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1600 Chamagne, Francia |
Morte | 23 de novembro de 1682 (81/82 anos) Roma |
Lugar de sepultura | Igrexa de San Lois dos Franceses (1840–) Trinità dei Monti (–1840) |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Ducado de Lorena |
Actividade | |
Ocupación | pintor , debuxante , gravador |
Xénero artístico | Arte de paisaxes |
Movemento | Clasicismo |
Catálogo crítico | Claude Gelee, called Lorraine, catalogue raisonné, 1837 (1837) |
Profesores | Agostino Tassi, Gottfried Wals e Claude Deruet |
Influencias | |
Lingua | Lingua francesa |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Cónxuxe | sen valor |
Parentes | Jean Dominique (sobriño) |
Xeralmente descrito polos seus contemporáneos como unha persoa de carácter apracible, era reservado e totalmente dedicado ao seu oficio.[2] Case desprovisto de educación, dedicouse ao estudo de temas clásicos, e labrou por si mesmo a súa fortuna, desde unha orixe humilde até alcanzar a cima do éxito persoal. Abriuse camiño nun ambiente de gran rivalidade profesional, e que o levou a tratar con nobres, cardeais, papas e reis.[3] A súa posición dentro da pintura de paisaxe é de primeira orde, feito remarcable pola circunstancia de que no ámbito anglosaxón —onde a súa obra foi moi valorada e mesmo influíu na xardinaría inglesa—[4] sexa unicamente coñecido polo seu nome de pía, Claude, do mesmo xeito que artistas como Michelangelo, Rafael ou Rembrandt. Grande innovador dentro do xénero paisaxístico, foi cualificado como o «primeiro paisaxista puro».[5]
Lorrain reflectiu na súa obra un novo concepto na elaboración da paisaxe baseándose en referentes clásicos —a denominada «paisaxe ideal»—, que evidencia unha concepción ideal da natureza e do propio mundo interior do artista. Esta forma de tratar a paisaxe outórgalle un carácter máis elaborado e intelectual e convértese no principal obxecto da creación do artista, a plasmación da súa concepción do mundo, o intérprete da súa poesía, que é evocadora dun espazo ideal, perfecto.[6]
Un dos elementos máis significativos na obra de Gellée é a utilización da luz, á que outorga unha importancia primordial á hora de concibir o cadro: a composición lumínica serve en primeiro lugar como factor plástico, ao ser a base coa que organiza a composición, coa que crea o espazo e o tempo, coa que articula as figuras, as arquitecturas, e os elementos da natureza; en segundo lugar, é un factor estético, ao destacar a luz como principal elemento sensible, como o medio que atrae e envolve ao espectador, e o conduce a un mundo de ilusión, un mundo de ideal perfección recreado polo ambiente de total serenidade e placidez que Claude crea coa súa luz.[7]
A obra de Gellée expresa un sentimento case panteísta da natureza, que é nobre e ordenada como a dos referentes clásicos dos que se nutre o opus de Gellée, pero aínda así libre e exuberante como a natureza salvaxe. Recrea un mundo perfecto alleo ao paso do tempo, pero de índole racional, plenamente satisfactorio para a mente e o espírito. Segue aquel antigo ideal de ut pictura poesis, en que a paisaxe, a natureza, traducen un sentido poético da existencia, unha concepción lírica e harmonizada do universo.[8]
Claude coñecía o mundo co corazón ata o último detalle. Servíase do mundo para expresar o que sentía na alma. Isto é o verdadeiro idealismo!