Cámara de vídeo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha cámara de vídeo ou videocámara[1] é unha cámara empregada para tomar imaxes electrónicas en movemento (en oposición a unha cámara de cinema, que grava imaxes en película), desenvolvida inicialmente para a industria da televisión, mais agora tamén común noutras aplicacións.
As cámaras de vídeo úsanse principalmente de dous xeitos. O primeiro, característico dunha emisión moi temperá, é a televisión en directo, onde a cámara transmite imaxes en tempo real directamente a unha pantalla para a súa visión inmediata. Algunhas cámaras seguen a producir televisión en directo, mais a maioría das conexións en directo son para operacións de seguridade, militares/tácticas e industriais onde se require unha visión subrepticia ou remota. No segundo xeito, as imaxes grávanse nun dispositivo de almacenamento para o seu arquivo ou posterior procesamento; durante moitos anos, a cinta de vídeo foi o formato principal empregado para este propósito, mais foi substituíndose gradualmente polo disco óptico, o disco duro e a memoria flash. O vídeo gravado úsase na produción televisiva e, máis a miúdo, en tarefas de vixilancia en que cómpre a gravación dunha situación para unha análise posterior.