Dólar Eisenhower
From Wikipedia, the free encyclopedia
O dólar Eisenhower é unha moeda con valor facial dun dólar cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1971 e 1978, caracterizada por amosar no seu anverso a figura do expresidente estadounidense Dwight D. Eisenhower.
- Para outras moedas dun dólar dedicadas a Eisenhower, véxase Dólar de prata do centenario de Eisenhower e Dólar presidencial
Dólar Eisenhower [1][2] | |
---|---|
A/: Cabeza de Dwight D. Eisenhower cara á esquerda. Data no exergo.
Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST. |
R/: Aguia cunha póla de loureiro nas súas poutas sobre paisaxe lunar, baseado na insignia da misión Apollo 11.
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / ONE DOLLAR |
|
No reverso represéntase unha imaxe estilizada en conmemoración da misión lunar Apollo 11 en 1969, baseada na insignia oficial desta misión. Ambas as faces foron deseñadas por Frank Gasparro, daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU.
O dólar Eisenhower é a primeira moeda dun dólar cuñada pola US Mint desde a cancelación da serie do "dólar Peace" en 1935. É tamén o derradeiro dólar cuñado no seu tamaño grande orixinal e a primeira deste valor e tamaño cuxas tiraxes destinadas á circulación non conteñen prata.
En 1965, por mor da suba do prezo do metal precioso, a US Mint comezou a cuñar moedas bañadas en cuproníquel, no canto da prata. Nos anteriores 30 anos non se cuñara ningunha moeda dun dólar mais, a partir de 1969, os lexisladores trataron de reintroducir no sistema moedas con este valor facial. Ademais, logo do falecemento de Eisenhower no mes de marzo, comezaron a xurdir propostas para honrar a súa figura cunha moeda. Malia contaren estes proxectos de lei cun grande apoio, a súa aprobación demorouse por unha disputa acerca de se a nova moeda debería ser de metal común ou levar un 40 % de prata. En 1970 chegouse a un acordo polo que se cuñarían moedas en metal común para a súa posta en circulación e, por outra parte, cun 40 % de prata destinadas aos coleccionistas. O presidente Richard Nixon, que fora vicepresidente con Eisenhower, asinou a lei que autorizaba a emisión desta nova moeda o 31 de decembro de 1970.
Aínda que a versión con prata tivo éxito comercial no mercado do coleccionismo, a versión estándar practicamente non chegou a utilizarse na circulación, coa excepción dos casinos de Nevada, onde pasaron a ocupar o lugar das fichas emitidas por particulares.
As moedas cuñadas tanto en 1975 como en 1976 amosan a dobre data 1776-1976 e portan un reverso especial, obra do gravador Dennis R. Williams, en conmemoración do centenario da independencia dos Estados Unidos. A partir de 1977, a Casa da Moeda comezou os seus intentos para a substitución do dólar Eisenhower por outro de menor tamaño e, neste sentido, o Congreso autorizou a creación do dólar Susan B. Anthony, que comezou a cuñarse en 1979, aínda que tamén con escaso éxito na circulación.