Evolución
cambio nas características herdadas polas especies biolóxicas / From Wikipedia, the free encyclopedia
A evolución é o cambio nas características herdadas das poboacións biolóxicas co paso das xeracións. Os procesos evolutivos dan lugar a diversidade en todos os niveis biolóxicos de organización, como as especies, os organismos individuais e as moléculas como o ADN e proteínas.[2] Todos os seres vivos da Terra descenden dun antepasado común (LUCA) que viviu hai entre 3 500 e 3 800 millóns de anos.[3] En xullo de 2016, os científicos informaron da identificación dun conxunto de 355 xenes procedentes de LUCA en todos os organismos vivos da Terra.[4] Os repetidos eventos de especiación e de diverxencia dos seres vivos poden inferirse do conxunto de trazos bioquímicos e morfolóxicos compartidos, ou das secuencias de ADN compartidas.[5] Estes trazos e secuencias homólogas son moi similares entre as especies que comparten un antepasado común máis recente, e poden utilizarse para reconstruír as historias evolutivas, utilizando tanto as especies existentes coma o rexistro fósil. Os padróns existentes de biodiversidade foron modelados pola especiación e pola extinción.[6]
Charles Darwin foi o primeiro que formulou un argumento científico para a teoría da evolución por selección natural e selección sexual. A evolución por selección natural é un proceso que se pode inferir de tres feitos sobre as poboacións: primeiro, prodúcese máis descendencia da que é posible que sobreviva; segundo, os trazos varían entre os individuos, o que orixina diferentes taxas de supervivencia e reprodución; e terceiro, as diferenzas nos trazos son herdables.[7] Así, cando morren os membros dunha poboación son substituídos pola proxenie dos pais que estaban mellor adaptados para sobrevivir e reproducirse no medio ambiente no cal ten lugar a selección natural. Este proceso crea e preserva trazos que son aparentemente axeitados para o seu papel funcional.[8] A selección natural é a única causa coñecida da adaptación biolóxica, pero non a única causa da evolución. Outras causas non adaptativas da evolución son a mutación e a deriva xenética.[9]
A inicios do século XX, os coñecementos da xenética clásica foron integrados coa teoría de Darwin da evolución por selección natural coa creación da disciplina da xenética de poboacións. A importancia da selección natural como causa da evolución foi aceptada noutras ramas da bioloxía. Ademais, as nocións que se mantiñan anteriormente sobre evolución, como a ortoxénese e o "progreso" quedaron obsoletas.[10] Os científicos continúan estudando varios aspectos da evolución formulando e poñendo a proba hipóteses, construíndo teorías, usando datos observacionais, e realizando experimentos de campo e de laboratorio. Os biólogos están de acordo en que a descendencia con modificacións é un dos feitos científicos establecidos con máis fiabilidade.[11] En termos de aplicacións prácticas, a comprensión da evolución foi instrumental para os desenvolvementos de varios campos científicos e industriais, incluíndo a agricultura, medicina, veterinaria e a bioloxía en xeral.[11][12][13] Os descubrimentos feitos na bioloxía evolutiva tiveron un impacto significativo non só nas áreas tradicionais da bioloxía senón tamén noutras disciplinas académicas, incluíndo a antropoloxía e a psicoloxía.[14][15]