Guerra polaco-soviética
conflito entre Polonia e a Rusia Soviética / From Wikipedia, the free encyclopedia
A guerra polaco-soviética foi un conflito armado que tivo lugar entre o 14 de febreiro de 1919 ao 18 de marzo de 1921 e que enfrontou a Rusia Soviética e a Segunda República Polaca. Finalizou co Tratado de Riga. A guerra foi o resultado das tentativas de expansión por parte de ámbolos dous bandos: Polonia pretendía recuperar os territorios perdidos a finais do século XVIII, e os soviéticos, aqueles que pertenceran ao Imperio ruso antes da primeira guerra mundial. As fronteiras entre Polonia e a Rusia soviética non foran definidas no Tratado de Versalles, e posteriormente tornáronse máis caóticas tras a retirada das Potencias Centrais na fronte oriental, a Revolución rusa de 1917, a Guerra Civil Rusa, as desintegracións do Imperio ruso, do Imperio alemán e do Imperio Austrohúngaro, así como as ambicións de Ucraína e Belarús para establecer a súa independencia.
Guerra polaco-soviética | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
Belixerantes | |||||||
Segunda República Polaca República Popular de Ucraína (dende 21 de abril de 1920) |
República Socialista Federativa Soviética de Rusia República Socialista Soviética de Ucraína | ||||||
Líderes | |||||||
Józef Piłsudski Edward Rydz-Śmigły Władysław Sikorski Simon Petliura |
Mikhail Tukhachevsky Semyon Budyonny Iósif Stalin Alexander Yegorov Lev Trotski | ||||||
Forzas en combate | |||||||
Exército de Polonia: 50 000 (comezos de 1919)[1][2] 738 000 (agosto de 1920)[3][4] |
Exército Vermello: 50 000 (comezos de 1919)[5] 800 000 (verán de 1920)[6] | ||||||
Baixas | |||||||
Máis de 48 000 mortos[7] | Máis de 48 000 mortos[7] |
Józef Piłsudski, o líder polaco, decidira ampliar as fronteiras de Polonia cara ao leste, ao mesmo tempo que consideraba a idea de crear unha «Federación Polaca» (Międzymorze) que aunase o resto dos Estados da Europa centro-oriental, coma un bando contra a potencial aparición do movemento imperialista soviético.[8]
En 1919, as forzas polacas controlaban a maior parte da Ucraína occidental, gañando o conflito coa República Popular de Ucraína Occidental que tentou crear un Estado ucraíno nos territorios que reclamaban tantos polacos como ucraínos. Namentres, os soviéticos comezaban a gañar a Guerra Civil Rusa e avanzaban cara ao oeste, cara aos territorios disputados, e a finais de 1919 formouse unha clara fronte bélica. Os enfrontamentos fronteirizos desembocaron entón nunha guerra aberta tras o avance cara ó leste da Ucraína de Piłsudski (abril de 1920), o cal foi detido por un contraataque do Exército Vermello, inicialmente exitoso. A operación soviética empuxou os polacos de volta para o oeste, para a capital polaca, Varsovia. Entre tanto, Occidente temía que as tropas soviéticas chegasen á fronteira alemá, e incrementouse o interese das Potencias Occidentais na guerra. A mediados do verán, a caída de Varsovia parecía próxima, pero a mediados de agosto a situación cambiou de novo cando as forzas polacas alcanzaron unha inesperada e decisiva vitoria na batalla de Varsovia. Ante o temor dun avance polaco cara ao leste, os soviéticos pediron a paz e a guerra terminou cun cesamento do fogo en outubro de 1920. Un tratado de paz, o Tratado de Riga, foi asinado o 18 de marzo de 1921, repartindo os territorios en disputa entre Polonia e a Rusia Soviética. Así, esta guerra de 1919-1920 delimitou a fronteira polaco-soviética durante o período de entreguerras.