Ingmar Bergman
director e dramaturgo sueco / From Wikipedia, the free encyclopedia
Ingmar Bergman (pronunciado en sueco: 'ɪŋmar 'bærjman (axuda · info)), nado en Uppsala o 14 de xullo de 1918 e finado en Fårö o 30 de xullo de 2007, foi un recoñecido director de cine e dramaturgo sueco. É considerado unha das personalidades máis eminentes e influentes da cinematografía mundial.[1]
Dirixiu máis de sesenta películas e documentais para a televisión e o cine, os guións dos cales tamén escribía, e dirixiu unhas cento setenta obras de teatro. Na súa compañía de actores atópanse Harriet Andersson, Liv Ullmann, Gunnar Björnstrand, Bibi Andersson, Erland Josephson, Ingrid Thulin e Max von Sydow. Gran parte das súas películas foron rodadas en Suecia, moitas delas, a partir de Como nun espello (1961) en adiante foron filmadas na illa de Fårö. O seu traballo lígase en moitas ocasións á morte e a enfermidade, a existencia de Deus, a muller mailo seu rol na sociedade, a exaltación da xuventude ou o valor da sinxeleza. Tamén a fe, a traizón e a tolemia.
As súas dúas paixóns foron o teatro e mailo cine. Por esta última foi recoñecido mundialmente até que en 1983 se retirou (aínda que non definitivamente) da dirección cinematográfica con Fanny e Alexander (3 premios Óscar). Dende entón colaborou en guións e sobre todo escribiu ensaio máis ou menos autobiográficos: Imaxes ou Lanterna Máxica, entre outras.
Ingmar estivo activo durante máis de seis décadas. En 1976 a súa carreira viuse seriamente ameazada coma resultado dunha investigación por evasión de impostos. Indignado, Bergman suspendeu algunhas producións pendentes, pechou os seus estudos, e marchou a un exilio autoimposto en Alemaña durante oito anos.
En 1965 foi galardoado co Premio Erasmus.[2] No ano 1997 o Festival Internacional de Cine de Cannes, que celebraba o seu 50 aniversario, concedeulle a Palma das Palmas, unha "Palma de honor" só outorgada naquela ocasión, que lle entregaron todos os galardoados até entón coa Palma de Ouro que se puideron reunir en Cannes.[3]