Liber chronicarum
From Wikipedia, the free encyclopedia
As Crónicas de Núremberg (título en latín: Liber Chronicarum[1][2] -"Libro das crónicas"-, título en alemán: Die Schedelsche Weltchronik -"Crónica do mundo de Schedel"-) é un libro impreso en 1493, que foi editado en dúas versións: unha latina (impresa o 12 de xuño de 1493) e outra alemá (impresa o 23 de decembro de 1493 -ambas preparadas de maneira simultánea-), o que lle permitiu que se difundise amplamente por toda Europa. Narra a historia universal baseándose no relato da Biblia; é coñecido polos seus numerosos gravados de cidades da época e por conter o primeiro mapa de Alemaña impreso.
É un dos máis prezados incunables (do latín incunabulum -"berce" ou "comezo"-, nome que se dá aos primeiros libros saídos da recentemente creada imprenta -entre 1450 e 1500-). De aproximadamente 600 páxinas in-folio (formato de aproximadamente 44x67 cm), está moi ricamente ilustrado con 1804 xilografías (gravados mediante ferros de madeira). A edición está moi coidada e as súas xilografías son de gran valor artístico.
Os estudosos estiman que se fixeron entre 1.400 e 1.500 copias en latín e entre 700 e 1.000 en alemán. Un documento de 1509 rexistra que 539 das latinas e 60 das alemás quedaron sen vender para esa data. Aproximadamente 400 latinas e 300 alemás sobreviven no século XXI. Áchanse dispersas en museos e coleccións de todo o mundo (Academia de San Fernando de Madrid, Abadía do Sacromonte de Granada, Biblioteca Palafoxiana de Puebla -México-, Museo de Belas Artes de Boston, Biblioteca Nacional de Chile en Santiago, Área Cultural do Banco da República de Colombia -Cúcuta-, Biblioteca Central Pública Durango, etc.) En abril de 2011 o anticuario norteamericano Ken Sanders atopou casualmente na pequena localidade de Sandy (ao sur de Salt Lake, Utah) un exemplar da primeira edición en lingua alemá.
As Crónicas como texto literario é o resultado dunha compilación obra do médico Hartmann Schedel. Os gravados foron responsabilidade de Michael Wolgemuth[3] e Wilhelm Pleydenwurff.[4] O impresor e editor responsábel da publicación foi Anton Koberger,[5] financiado pola iniciativa de Sebald Schreyer e Sebastian Kammermaister. A tradución do Liber Chronicarum ao alemán foi realizada por Georg Alt,[6] que axudara a Schedel na compilación da versión latina inicial.
Os ilustradores Wolgemut e Pleydenwurff eran artistas de renome, e un dos seus aprendices era Alberto Durero, que en pouco tempo converteríase nun dos máis importantes gravadores e pintores de Europa. Con 645 ferros xilográficas obtiveron as 1.804 ilustracións, discrepancia causada polo feito de que varias das ferros se repiten no libro para ilustrar diferentes partes. As ilustracións combinan a técnica xilográfica, a impresión por tipo e o traballo manual para a iluminación das xilografías ou algunha parte manuscrita.