Libro de Kells
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Libro de Kells (Leabhar Cheanannais en irlandés; Book of Kells en inglés), tamén coñecido como o Grande Evanxeo de San Columba, é un manuscrito ilustrado con motivos ornamentais, feito por monxes celtas cara ao ano 800 d.C, no estilo coñecido por arte insular.
Peza principal do cristianismo irlandés e da arte hiberno-saxónica[1], constitúe, malia non estar concluído, un dos máis suntuosos manuscritos iluminados que se conservan da Idade Media.
Pola súa gran beleza e a excelente técnica do seu acabado, este manuscrito é considerado por moitos especialistas como un dos máis remarcábeis[1] vestixios da arte relixiosa medieval. Escrito en latín, o Libro de Kells contén os catro evanxeos do Novo Testamento, así como notas preliminares e explicativas, e numerosas ilustracións e miniaturas coloreadas. Na actualidade o libro está exposto de maneira permanente na biblioteca do Trinity College de Dublín (Irlanda), baixo a referencia MS 58.