Lockheed Martin F-35 Lightning II
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Lockheed Martin F-35 Lightning II é unha familia de cazas polivalentes furtivos de quinta xeración, equipados cun único asento e motor, desenvolvidos tanto para tarefas de superioridade aérea como ataque a terra. Tamén é capaz de realizar tarefas de guerra electrónica e ten capacidades de intelixencia, vixilancia e recoñecemento. Lockheed Martin é o contratista principal do F-35 e os seus principais socios son Northrop Grumman e BAE Systems. O F-35 ten tres modelos principais; o F-35A é unha variante de engalaxe e aterraxe convencional, o F-35B pode realizar engalaxes curtas e aterraxes en vertical, e o F-35C pode operar en portaavións.
Lockheed Martin F-35 Lightning II | |
---|---|
Tipo | avión furtivo de combate polivalente |
Fabricante | Lockheed Martin |
Primeiro voo | 15 de decembro do 2006 |
Introducido | F-35B: 31 de xullo de 2015 F-35A: 2 de agosto de 2016 F-35C: 28 de febreiro de 2019 |
Estado | en produción |
Principais usuarios | USAF Corpo de Marines Armada dos Estados Unidos |
Produción | 2006 - presente |
Unidades construídas | máis de 1 000 |
O F-35 descende do Lockheed Martin X-35, que en 2001 venceu ao Boeing X-32 para gañar a competición do programa Joint Strike Fighter (JSF). O desenvolvemento do JSF foi financiado principalmente polos Estados Unidos, co financiamento adicional de membros da OTAN e paises aliados como Reino Unido, Australia, Canadá, Italia, Noruega, Dinamarca, Países Baixos, e anteriormente Turquía.[1][2][3] Outros países tamén encargaron, ou están considerando encargar, a aeronave. O programa recibiu críticas polo seu tamaño, complexidade, custos elevados e entregas atrasadas sen precedentes.[4] A estratexia de adquisición de produción simultánea da aeronave mentres aínda estaba en desenvolvemento e probas levou a cambios e modificacións de deseño caros.[5][6]
O F-35 realizou o seu primeiro voo o 15 de decembro do 2006 e entrou en servizo co F-35B do Corpo de Marines dos Estados Unidos en xullo de 2015, seguido do F-35A da Forza Aérea en agosto de 2016 e do F-35C da Armada en febreiro de 2019.[7][8][9] A avión foi usado por primeira vez en combate no ano 2018 pola Forza Aérea de Israel.[10] Estados Unidos planea comprar 2 456 F-35 ata 2044, o que representará a maior parte da aviación táctica tripulada da Forza Aérea, da Armada e do Corpo de marines estadounidenses durante varias décadas; está previsto que o avión sexa unha pedra angular do poder aéreo da OTAN e os aliados dos Estados Unidos e que opere ata 2080.[11][12]