Nicolao Copérnico
astrónomo e matemático prusiano / From Wikipedia, the free encyclopedia
Nicolao Copérnico,[1] nado o 19 de febreiro de 1473 en Toruń e finado o 24 de maio de 1543, foi un astrónomo e matemático que viviu a cabalo dos séculos xv e xvi e que revolucionou a concepción do universo grazas á súa teoría heliocéntrica do Sistema Solar, que desprazou a Terra coma centro do universo,[2] concibida en primeira instancia por Aristarco de Samos. O seu libro de referencia, De Revolutionibus Orbium Coelestium (Sobre as revolucións das esferas celestes), onde expresa a súa débeda coas obras de Azarquiel e al Battani,[3] publicado en 1543, pouco antes da súa morte, adoita ser considerado como o punto inicial ou fundador da astronomía moderna, ademais de ser unha peza clave no que se chamou a revolución científica na época do Renacemento. Copérnico pasou preto de vinte e cinco anos traballando no desenvolvemento do seu modelo heliocéntrico do universo. Naquela época resultou difícil que os científicos a aceptasen, xa que supoñía unha auténtica revolución.
Copérnico foi matemático, astrónomo, xurista, físico, gobernador, diplomático e economista, estudoso dos clásicos, tradutor e artista.[4] ademais de políglota multilingüe[5] tamén foi clérigo católico e líder militar. Xunto coas súas extensas responsabilidades, a astronomía figuraba como pouco máis ca unha distracción, con todo, foi neste campo no que marcou un fito para a humanidade. Pola súa enorme contribución á astronomía, en 1935 déuselle o nome «Copernicus» a un dos maiores cráteres lunares, situado no Mare Insularum.[6]
Ata Copérnico, a ciencia e a Igrexa consideraban que a Terra estaba no centro do universo. Copérnico revitalizou as antigas teorías sobre o heliocentrismo pero, ademais, realizou as demostracións e cálculos astronómicos que apoiarían esta hipótese. A teoría heliocéntrica, que publicou en 1543, o ano da súa morte, é considerada unha das teorías máis importantes na historia da ciencia occidental.
Copérnico é considerado o fundador da astronomía moderna, por canto estableceu as bases que permitirían a Galileo e Isaac Newton culminar a revolución astronómica —ao pasar dun universo xeocéntrico a un cosmos heliocéntrico— e cambiar de forma irreversible a visión do cosmos prevalecente ata entón, tendo a admiración das autoridades eclesiásticas da Igrexa católica; porén, os seus libros serían incluídos no Index Librorum Prohibitorum, moitos anos despois da súa morte, co caso Galileo.[7][8]