Polimorfismo (bioloxía)
From Wikipedia, the free encyclopedia
O polimorfismo (do grego πολύ, poli, 'moitas', e μορφή, morfe, 'forma') en bioloxía e zooloxía é a aparición nas poboacións dunha especie de dúas ou máis formas ou morfos claramente diferentes, tamén chamadas fenotipos alternativos. Os morfos, para ser considerados como tales, deben ocupar o mesmo hábitat ao mesmo tempo e pertencer a unha poboación panmíctica (con apareamento aleatorio).[1]
Hai tres mecanismos que poden causar polimorfismo:[2]
- Polimorfismos xenéticos, nos que o fenotipo de cada individuo está determinado xeneticamente.
- Unha estratexia de desenvolvemento condicional, na que o fenotipo de cada individuo se establece por sinais ambientais.
- Unha estratexia de desenvolvemento mixta, na que o fenotipo é asignado aleatoriamente durante o desenvolvemento.
O polimorfismo tal como se usa en zooloxía e bioloxía implica morfos do fenotipo, e o termo polifenismo pode utilizarse para deixar claro que as diferentes formas se orixinan a a partir do mesmo xenotipo. O termo polimorfismo xenético tamén é usado cun matiz algo diferente polos xenetistas e biólogos moleculares para describir certas mutacións no xenotipo, como os polimorfismos dun só nucleótido ou SNPs (con métodos de detección RFLPs e AFLPs), que pode que non sempre correspondan a un fenotipo pero que sempre corresponden a unha póla na árbore xenética. Véxase máis abaixo polimorfismo xenético.
O polimorfismo é algo moi común na natureza; está relacionado coa biodiversidade, a variación xenética e a adaptación; funciona xeralmente mantendo a variedade de formas nunha poboación que vive nun ambiente variado.[3]:126 O exemplo máis común é o dimorfismo sexual, que aparece en moitos organismos. Outros exemplos son as formas miméticas das bolboretas, e a hemoglobina e grupos sanguíneos humanos.
Segundo a teoría da evolución, o polimorfismo é un resultado dos procesos evolutivos, como o é calquera aspecto dunha especie. É herdable e é modificado por selección natural. No polifenismo, a constitución xenética dun individuo permite diferentes morfos, e o mecanismo interruptor que determina que morfo se mostrará é ambiental. No polimorfismo xenético, a constitución xenética determina o morfo. As formigas mostran ambos os tipos nunha soa poboación.[4][5]
O polimorfismo tamén se refire á aparición de dous ou máis tipos de individuos estrutural e funcionalmente diferentes, chamados zooides dentro do mesmo organismo. É unha característica típica dos cnidarios.[6] Por exemplo, no hidrozoo Obelia hai individuos con función alimenticia chamados gastrozoides; individuos capaces de reproducirse asexualmente chamados gonozoides, e individuos de vida libre capaces de reproducirse sexualmente que aparecen e certa fase do ciclo vital (orixinados a partir dos gonozoides), chamados medusas. Neste tipo de animais a existencia dunha fase polipoide e outra medusoide denomínase polimorfismo.