Ringo Starr
músico inglés / From Wikipedia, the free encyclopedia
Ringo Starr nado como Richard Starkey, (MBE) en Liverpool o 7 de xullo de 1940, é un músico, cantante, compositor e actor británico, recoñecido por ser o batería de The Beatles. Dos catro membros do grupo, foi o último en incorporarse á formación definitiva. Chámanlle así porque sempre usa aneis, aínda que nunha entrevista dixo: "Elixino porque é nome de can e os cans agrádanme". Antes da súa unión a The Beatles, Starr foi membro doutra banda de Liverpool, Rory Storm & The Hurricanes. En agosto de 1962, Starr substituíu de forma permanente na formación de The Beatles ao batería Pete Best. Ademais de tocar a batería, Starr participou como vocalista en varias cancións do grupo como "With a Little Help from My Friends", "Yellow Submarine" e "Act Naturally", entre outras, e figurou como compositor das cancións "Don't Pass Me By" e "Octopus's Garden".
A contribución creativa de Starr á música de The Beatles foi suxeito de eloxios por músicos e críticos. O batería Steve Smith comentou que a popularidade de Starr "deu luz a un novo paradigma onde se comezou a ver ao batería como un participante máis no aspecto compositivo". En 2011, os lectores da revista musical Rolling Stone elixiron a Starr o quinto mellor batería de todos os tempos.[1]
Trala separación de The Beatles en 1970, Starr desenvolveu unha carreira musical en solitario con éxitos comerciais na década de 1970 como Ringo (1973) e Goodnight Vienna (1974) e varios fracasos na década de 1980, durante a cal desenvolveu unha actividade cinematográfica paralela, participando en películas como Cavernícola (Caveman) (1981). Ademais, participou como músico de sesión en traballos doutros artistas, incluíndo os seus tres antigos compañeiros de The Beatles, e narrou as dúas primeiras tempadas da serie infantil animada Thomas e os seus amigos (Thomas the Tank Engine and Friends).[2] En 1989, creou Ringo Starr & His All-Starr Band, unha banda cunha formación rotatoria ao estilo de Bill Wyman's Rhythm Kings e coa que sae anualmente de xira, e publicou o álbum Time Takes Time, o primeiro dunha serie de colaboracións co músico Mark Hudson, quen produciu posteriores traballos como Vertical Man (1997), Ringo Rama (2003) e Choose Love (2005).[3] O seu disco máis recente, Ringo 2012, foi publicado en 2012.[4]
Nunha entrevista, Phil Collins declarou: "Eu creo que Ringo Starr non foi ben valorado no seu papel de batería. Desafío a calquera de vostedes a tocar a batería como fai Ringo en "A Day in the Life"".