Trufa (alimento)
alimento / From Wikipedia, the free encyclopedia
A trufa[1] é un alimento consistente no corpo frutífero dalgúns fungos subterráneos ascomicetos, predominantemente algunhas especies do xénero Tuber. Ademais do Tuber hai aproximadamente un cento doutros xéneros que ás veces se clasifican pola súa forma tamén como trufas, como Geopora, Peziza, Choiromyces e Leucangium, pero que non teñen a calidade dos Tuber (e algúns fungos arredondeados nin sequera son comestibles).[2] Estes xéneros pertencen á clase Pezizomycetes e á orde Pezizales. Varios basidiomicetos similares a trufas están excluídos de Pezizales, incluíndo Rhizopogon e Glomus.
As trufas son fungos que forman ectomicorrízas, así que adoitan atoparse en asociación con raíces de árbores. A dispersión de esporas realízana os animais funxívoros, que comen fungos.[3] Estes fungos teñen papeis ecolóxicos significativos na reciclaxe dos nutrientes e na tolerancia á seca.
Algunhas especies de trufas son moi aprezadas como alimento. O gastrónomo francés Jean Anthelme Brillat-Savarin consideraba as trufas "o diamante da cociña".[4] As trufas comestibles son utilizadas na cociña italiana, francesa[5] e numerosas outras cociñas nacionais en pratos de alta cociña. As trufas cultívanse ou colléitanse de ambientes naturais.