Xogos Olímpicos de 2020
XXXII Xogos Olímpicos de Verán, celebrados na cidade de Toquio no ano 2021 / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Xogos Olímpicos de 2020 (en xaponés: 2020年夏季オリンピック; Nisen Nijū-nen Kaki Orinpikku), chamados oficialmente Xogos da XXXII Olimpíada (en xaponés: 第三十二回オリンピック競技大会; Dai Sanjūni-kai Orinpikku Kyōgi Taikai), son un evento deportivo internacional celebrado dende o 23 de xullo de 2021 até o 8 de agosto de 2021 en Toquio, no Xapón, se ben algúns eventos preliminares tiveron lugar antes da cerimonia de apertura, os días 21 e 22 de xullo.
Este artigo amosa escritos xaponeses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Toquio foi escollida como cidade sede dos Xogos durante a 125ª sesión do COI celebrada en Buenos Aires, na Arxentina, o 7 de setembro de 2013.[1] Orixinalmente previstos para se celebrar entre o 24 de xullo e o 9 de agosto de 2020, o evento foi adiado en marzo de 2020 por mor da pandemia de COVID-19, e celebrarase sen a presenza de espectadores presenciais e baixo estado de alarma.[lower-alpha 1] Malia celebrarse finalmente en 2021, o evento mantén o nome de Toquio 2020 con propósitos comerciais.[2] É a primeira vez que os Xogos Olímpicos se aprazan e reprograman no canto de seren cancelados.[3] Os Xogos Paralímpicos celebraranse entre o 24 de agosto e o 5 de setembro de 2021, 16 días despois de rematar os Xogos Olímpicos.[4]
Os Xogos de 2020 son os cuartos que teñen o Xapón como sede, despois de Toquio 1964 (verán), Sapporo 1972 (inverno) e Nagano 1998 (inverno). Toquio era a sede dos Xogos Olímpicos de 1940 que se cancelaron en 1938 por mor da guerra. Toquio é a primeira cidade de Asia en ser a sede dos Xogos de Verán por segunda vez. Os Xogos de 2020 son o segundo evento olímpico consecutivo celebrado no leste de Asia, despois dos Xogos Olímpicos de Inverno de 2018 de Pyeongchang, en Corea do Sur e antes dos Xogos Olímpicos de Inverno de 2022 en Pequín, na China.
Nestes Xogos de 2020 introducíronse novas competicións, incluíndo o baloncesto 3x3 e o BMX freestyle, así como o regreso do ciclismo madison, o béisbol e o sóftbol. Baixo as novas políticas do COI, que permite ao comité organizador engadir novos deportes no programa olímpico e aumentar os eventos permanentes, estes Xogos contaron co karate, a escalada, o surf e a monopatinaxe por vez primeira.[5]
As Bermudas,[6] Filipinas[7] e Qatar[8] gañaron as súas primeiras medallas de ouro, e Burkina Faso, San Marino[9] e Turkmenistán gañaron a súa primeira medalla olímpica.[10] Os Estados Unidos conseguiron ocupar os primeiros postos no medalleiro, con 39 medallas de ouro e 113 en total, mentres que a China conseguiu o segundo posto nos dous aspectos. O país organizador, o Xapón acabou terceiro, conseguindo un récord en medallas de ouro e medallas totais en calquera participación nos Xogos Olímpicos. o Reino Unido acabou cuarto, cun total de 65 medallas. A delegación rusa, que competiu coas siglas ROC, acabou quinto.