Árbore
tipo de vexetal perenne, de tronco leñoso, que se ramifica a certa altura do chan / From Wikipedia, the free encyclopedia
En botánica, unha árbore[1] é unha planta perenne cun talo alongado, ou tronco leñoso, que se ramifica a certa altura do chan. Nalgúns casos, a definición dunha árbore pode ser máis concisa; en definicións máis amplas, as palmeiras máis altas[n. 1], os fentos arbóreos[n. 2], as bananeiras e os bambús tamén son considerados árbores. As árbores non son un grupo taxonómico, pero inclúen unha variedade de especies vexetais que desenvolveron de forma independente un tronco e ramas como unha forma de elevarse por encima doutras plantas para competir pola luz solar. A maioría das especies arbóreas son anxiospermas ou frondosas; do resto, moitas son ximnospermas de madeiras blandas. As árbores tenden a ter unha existencia longa, algunhas chegan a ter varios miles de anos de idade. As árbores existen desde hai 370 millóns de anos. Estímase que hai uns tres billóns de árbores adultos no mundo.
Unha árbore adoita ter moitas ramas secundarias que se apoian no tronco sen tocar o chan, estas a vez adoitan dividirse en ramas máis pequenas e brotes que adoitan ter follas, que captan a enerxía luminosa e a converten en azucres mediante a fotosíntese, proporcionando o alimento para o crecemento e desenvolvemento da árbore. Este tronco adoita conter tecido leñoso para a resistencia, e tecido vascular que se encarga de transportar líquidos (saiba bruta e elaborada) polo interior da planta. A maioría das árbores están rodeados por unha capa de casca que lles serve de barreira protectora. Por debaixo do chan atópanse as raíces que se ramifican e se estenden amplamente e serven para ancorar a árbore a terra e extraer humidade e nutrientes do solo.
As árbores adoitan reproducirse mediante sementes. Poden ser flores ou froitos, pero algunhas árbores, como as coníferas, teñen en cambio conos de pole e conos de sementes. As palmeiras, as bananeiras e os bambús tamén producen sementes, pero os fentos arborescentes producen esporas.
As árbores xogan un papel importante na redución da erosión e na moderación do clima. Eliminan o dióxido de carbono da atmosfera e almacenan grandes cantidades de carbono nos seus tecidos. As árbores e os bosques proporcionan un hábitat para moitas especies de animais e plantas. As selvas tropicais están entre os hábitats máis biodiverso do mundo. As árbores proporcionan sombra e refuxio, madeira para a construción, combustible para cociñar e quentar, e froita para a alimentación, ademais de ter moitos outros usos.
Nalgunhas partes do mundo, os bosques están a reducirse a medida que se eliminan árbores para aumentar a cantidade de terra dispoñible para a agricultura. Debido á súa lonxevidade e utilidade, as árbores sempre foron venerados, como bosques sagrados en varias culturas, e desempeñan un papel en moitas das mitoloxías do mundo.
Certas especies de árbores poden superar os 100 metros de altura, e chegar a vivir durante miles de anos. As grandes árbores, coma as sequoias xigantes de California, poden pesar máis de 6.000 toneladas, o que as converte no ente vivo máis pesado que existiu sobre o planeta [Cómpre referencia].
As árbores son compoñentes importantes do medio natural así como útiles para os seres humanos como fornecedores de material de construción, transporte e mobiliario; alimento e recursos medicinais; leña para calefacción etc. Son árbores, por exemplo, a cerdeira, a maceira, o castiñeiro, a aciñeira, o piñeiro, a magnolia etc. Tamén xogan un importante papel na cultura, considérense as árbores de Nadal, a árbore da sabedoría, a árbore xaponesa do amor (o xinkgo) etc. A árbore por excelencia en Galicia é o carballo, o mesmo que no País Vasco, Gran Bretaña ou Alemaña.