The Voyage of the Beagle
From Wikipedia, the free encyclopedia
The Voyage of the Beagle (A viaxe do Beagle) é o título polo que é máis coñecido o libro escrito por Charles Darwin e publicado en 1839 co título Journal and Remarks (Diario e observacións), que lle deu unha gran fama e consideración. Era o terceiro volume da obra The Narrative of the Voyages of H.M. Ships Adventure and Beagle (A narración das viaxes dos barcos da súa maxestade Adventure e Beagle); os outros volumes foran escritos ou editados polos comandantes dos barcos. Journal and Remarks relata os traballos e andanzas realizados por Darwin na segunda viaxe de expedición topográfica do barco HMS Beagle. Debido á popularidade que acadou o relato de Darwin, o editor reimprimiuno posteriormente en 1839 co título Journal of Researches (Diario de investigacións) de Darwin, e a segunda edición revisada publicada en 1845 utilizou este título. Porén nunha reedición do libro en 1905 cambióuselle o título a The Voyage of the "Beagle", polo cal é agora máis coñecido.[2]
The Voyage of the Beagle | |
---|---|
Autor/a | Charles Darwin |
Lingua | lingua inglesa |
Xénero(s) | libro de viaxes e nature writing |
Data de pub. | 1839 |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Beagle partiu do estreito de Plymouth o 27 de decembro de 1831 so o mando do capitán Robert FitzRoy. Aínda que a expedición estaba planeada para durar dous anos, acabou durando case cinco, xa que o Beagle non regresou ata o 2 de outubro de 1836. Darwin pasou a maioría do tempo explorando en terra (tres anos e tres meses en terra e 18 meses no mar), xa que desembarcou en moitos lugares onde recalou o barco e días despois volvíano a recoller. O libro é unha viva e excitante memoria de viaxes así como un detallado diario de campo científico tratando temas de bioloxía, xeoloxía e antropoloxía que demostra o agudo poder de observación de Darwin, escrito nun tempo cando os europeos occidentais estaban explorando e cartografando o mundo enteiro. Aínda que Darwin revisitou algunhas áreas durante a expedición, para maior claridade dos distintos capítulos do libro, estes están ordenados en referencia a lugares e non a datas.
As notas de Darwin feitas durante a viaxe incluían comentarios dando a entender os seus cambios de punto de vista sobre a fixeza das especies. Ao seu retorno, escribiu o libro baseándose nestas notas, nunha época na que el estaba empezando a desenvolver as súas teorías da evolución a partir dun ascendente común e da selección natural. O libro inclúe algunhas suxestión das súas ideas, particularmente na segunda edición de 1845.