Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra
From Wikipedia, the free encyclopedia
Xacobe Carlos Estuardo [1], nado en Edimburgo o 19 de xuño de 1566 e finado en Theobalds House o 27 de marzo de 1625, foi rei de Escocia como Xacobe VI desde o 24 de xullo de 1567 ata a súa morte, e rei de Inglaterra e Irlanda como Xacobe I desde o 24 de marzo de 1603 ata a súa morte.
Proclamado rei cun ano de idade, unha serie de rexentes gobernaron no seu nome durante a súa minoría de idade, ata que esta terminou oficialmente en 1578, aínda que non obtivo o verdadeiro control do aparello do Estado ata 1581.[2] En 1603 sucedeu no trono de Inglaterra e Irlanda á última Tudor, Isabel I, que morreu sen descendencia.[3] Rexeu conxuntamente Inglaterra, Escocia e Irlanda por espazo de 22 anos, ata a súa morte aos 58.[4]
Aínda que gobernou con acerto en Escocia, atopouse con grandes dificultades en Inglaterra,[5] incluíndo o soado "Complot da Pólvora" en 1605 e sucesivos conflitos co Parlamento, que lle era hostil, especialmente no tocante á subida de impostos. De acordo a unha tradición historiográfica iniciada a mediados do século XVII, a política absolutista de Xacobe, a súa irresponsibilidade financeira e os favores outorgados a favoritos impopulares sentaron as bases da Guerra Civil Inglesa, durante a cal foi axuizado e executado o seu fillo e sucesor, Carlos I.[6] Con todo, en vida do monarca, a situación política de Inglaterra e de Escocia foi relativamente estable, e os historiadores contemporáneos consideran a Xacobe un soberano intelixente e reflexivo.[7]
Durante o seu reinado continuou a "Era Dourada" do drama e a literatura sabelinos, con grandes escritores como William Shakespeare, John Donne, Ben Jonson e Francis Bacon, aos que o rei patrocinou, contribuíndo ao florecemento cultural.[8] Apaixonado pola teoloxía, o rei ordenou a tradución da Biblia que leva o seu nome, a King James, que aínda é a oficial da Igrexa Anglicana. Probablemente xamais houbo tal concentración de talento literario baixo patronazgo da Coroa inglesa. O propio Xacobe era un erudito de considerable talento, autor de poesía, traducións e un tratado sobre poesía, así como obras condenando a bruxería e o tabaco (Daemonologie [1597] [9] e A Counterblaste to Tobacco [1604]), meditacións e comentarios sobre as Sagradas Escrituras, obras de teoría política (The True Law of Free Monarchies [1598] e Basilikon Doron [1599]), e discursos para o Parlamento. Sir Anthony Weldon afirmou que Xacobe fora chamado "o bobo máis sabio da Cristiandade", e desde entón asociouse o epíteto a este monarca.[10]